O deputado socialista, Pérez Seco, lamentou o veto do PP a unha proposta do Grupo Socialista, na Comisión de industria, para poder poñer fin ás fallas do Camiño de Santiago no seu paso polo Concello de Monforte de Lemos.
Pérez Seco alegou que “o Camiño abre as portas de Galicia e permite ás peregrinas e peregrinos coñecer unha cultura e paisaxe únicos”. Fixo referencia ó Plan director do Camiño de Santiago 2015 – 2021 elaborado pola Xunta, “un modelo tipo onde se reflicte como se visualiza o Camiño para acoller ao peregrino do 2021” e denunciou que “na realidade, ao seu paso por Monforte, as deficiencias son varias”.
Entre elas encóntranse delimitar oficialmente o percorrido, creación e xestión dun albergue en Monforte de Lemos, a sinalización incompleta, máis puntos de selado de credenciais, o mal estado do camiño en algúns treitos e o acceso a auga potable.
Por outra parte, o deputado socialista demandou que “a resposta da Xunta ante as nosas preguntas déixanos dous interrogantes”. O primeiro é que, dende o grupo socialista, consideran que “os traballos deben comezar antes do 2020, pois o obxectivo é afrontar o ano Xacobeo 2021 con tódalas infraestruturas”. E o segundo é que “o centro de información leva retraso porque o camiño segue a funcionar antes do propio 2021”
Por iso, o Grupo Socialista instou á Xunta a arranxar as devanditas deficiencias no Camiño de Santiago ó seu paso por Monforte de Lemos no prazo máximo de tres meses. A cal foi rexeitada tras obter o voto en contra do grupo Popular.