A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Noela Blanco, criticou o veto do PP a unha proposición non de Lei presentada hoxe en Comisión para reforzar a loita contra os accidentes laborais”. Lamentou o desleixo do goberno galego cando Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con máis accidentes graves e cando “temos o dobre de incidencia de accidentes mortais que a media estatal”.
Blanco lamentou que “dentro dos propósitos de aninovo do PP non estea que as políticas en materia de prevención de riscos laborais deixen de ser a maría deste goberno”, cando “sufrimos 41 accidentes mortais”. Explicou que o principal motivo destes datos “alarmantes e dramáticos” reside no deterioro do modelo de relacións laborais, xa que “a máis rotación, precariedade e estacionalidade no traballo, máis accidentes”.
Criticou a “falla de compromiso político” por parte do goberno galego, que provocou que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral –ISSGA- pasara dos 10,6 millóns de euros no último orzamento de Touriño aos apenas 6 previstos para o ano 2018. Alertou desta “importante redución orzamentaria” cando precisamente “os datos o que demandan é un reforzo orzamentario”.
Iniciativa
Os socialistas reclamaran hoxe potenciar a posta en marcha da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral e incrementar paulatinamente o orzamento dedicado á prevención de riscos laborais, sinaladamente os destinados ao ISSGA.
Tamén pedían dirixirse ao goberno central para que cubra tódalas prazas vacantes da Inspección de Traballo e da Seguridade Social, ampliar o número de funcionarios destes servizos e desenvolver un plan específico de formación continua para aumentar a súa capacitación na investigación de accidentes e enfermidades profesionais.
Finalmente, solicitaba esixir o cumprimento do Plan de prevención 2016-2020, abrindo a participación no seu cumprimento efectivo nas empresas aos traballadores e traballadoras a través dos delegados e delegadas de prevención.