A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, denunciou hoxe o abuso dos contratos menores por parte de Portos de Galicia provocando que “o control sexa moito máis difícil a nivel parlamentario”. Toja presentou unha pregunta oral en Comisión por unha práctica coa que o ente público contratou ata o 76 por cento das actuacións rexistradas no ano 2017, o que supón 3 de cada 4 euros, cando en 2016 eran 1 de cada 2.
Toja explicou que dun total de 5,7 millóns de euros en obras, contrataron 4,3 a través dun proceso que permite esquivar as garantías e control orzamentario, fronte a tan só 628.000 euros, o 11 por cento, a través de concurso. Considera que se trata dunha contía “demasiado elevada”, que supera a xa de por si elevada rexistrada en 2016, cando utilizaron este procedemento no 53 por cento das actuacións.
Sinala que o uso de contratos menores “debera ser a excepción, pero tense convertido en habitual”, e reclamou “respecto pola necesaria transparencia” nas actuacións dun ente que xestiona 122 portos competencia da Xunta.
Lembrou que unha das principais fontes de financiamento de Portos provén das taxas que pagan os concellos para realizar actividades nos espazos portuarios, xa que “con esas partidas fanse as obras, e os concellos teñen dereito a saber a que se destina o seu diñeiro”. Lembrou o caso de Burela, que ten pagado 9.000 euros por 4 días de festas.
Emerxencia
Critica que se trata dun procedemento que “non obedece ao exercicio de previsión e planificación a que fai mención o presidente de Portos de Galicia”, que ten explicado que se trata de “obras de emerxencia”, unha modalidade que ven especificada aparte, e que supoñen tan só o 4 por cento das actuacións.
Neste sentido, sinalou que “hai cuestións que si son unha emerxencia, en canto a que son investimentos en seguridade, como as dragaxes, a sinalización de bateas ou calquera outra cuestión que afecte á prevención de sinistros, pero esas obras precisamente non están feitas”.