A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, acusou hoxe á Xunta de Galicia de estar a “obstaculizar a xestión e a vida diaria nos portos galegos a través de Portos de Galicia”. Así o dixo no debate de dúas proposicións non de Lei en Comisión para esixirlles que cumpran coas súas competencias e retiren o depósito de plásticos contaminantes no fondo do Porto de Malpica e reparen os cristais da pasarela de Camariñas que finalmente foron aprobadas por unanimidade.
A responsable socialista criticou que Portos de Galicia “lonxe de ser un facilitador, é máis ben un obstaculizador da xestión e da vida diaria nos portos galegos” a través de “desprezos constantes á Costa da Morte”. Censurou un “apartheid orzamentario” nas contas presentadas polo goberno galego “contra todo o territorio da Costa da Morte”, ao que someten ao “abandono” ata o punto de “poñer en risco a seguridade das persoas”.
Toja denunciou que “Portos sempre cobra as súas taxas, puntualmente, e do contrario impiden levar a cabo os eventos”, como sucedeu coa recente Festa da Xuventude de Malpica, onde un ano denegou o permiso por non se tratar dunha festa “con tradición” e ao ano seguinte retrasaron o permiso ata o día antes”. Sen embargo, dixo, “ocorre que non compren coas súas competencias, e son os concellos os que acaban limpando e asumindo o mantemento”.
A parlamentaria socialista aludiu así en primeiro lugar á urxente limpeza de plásticos depositados no fondo do porto de Malpica, que saíron á superficie logo das mareas vivas de febreiro, poñendo en evidencia a “mala xestión de residuos e a necesidade de actuacións máis frecuentes por parte de Portos de Galicia”, xa que “hai case dúas décadas que non se limpa o fondo mariño”.
A responsable socialista reclamoulle hoxe á Xunta que realice as labores de limpeza que lle corresponden nas dársenas portuarias, así como unha campaña informativa sobre as consecuencias da mala xestión dos residuos, “tanto para a fauna mariña como para a seguridade das embarcacións en augas interiores”.
Alertou da urxencia de tomar “medidas e respostas concretas por parte do Goberno en canto á limpeza e retirada de plásticos” un problema “enorme” que mesmo ten provocado o nacemetno dos trashtag challenge, movementos de voluntarios de limpeza destes residuos que os levou a varias praias da Costa da Morte.
Camariñas
Ademais, sinalou o mal estado da dársena do porto de Camariñas, co risco para a seguridade das persoas. Advertiu que no pasado mes de novembro Portos de Galicia acordou co Concello que eles se encargarían do mantemento dos paneis laterais de cristal da pasarela do porto, mentres o goberno local faría o propio coa pasarela de madeira.
A realidade é que hoxe as madeiras están reparadas, pero non os paneis laterais, rotos ou a piques de quebrarse, co risco evidente para as persoas que os utilizan. Sinalou que “resulta bastante indignante porque chove sobre mollado”, e relacionou o desleixo da autoridade portuaria cos “desprezos constantes do goberno galego á Costa da Morte”.
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista presentou hoxe unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que “leve a cabo, antes do mes de xullo, das actuacións comprometidas no seu día para o mantemento da dársena do Porto de Camariñas”.
Texto das iniciativas aprobadas hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego para que:
1º) Leve a cabo unha campaña informativa sobre as consecuencias da mala xestión dos residuos, tanto na fauna mariña como para a seguridade das embarcacións en augas interiores.
2º) Realice labores de limpeza nas dársenas portuarias durante este ano 2019 e seguintes”.
——————————————————–
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a levar a cabo, antes de que remate este período de sesións, as actuacións comprometidas no seu día, para o mantemento da dársena do Porto de Camariñas”.