Paloma Castro levará ao Parlamento o peche do Pazo de Montesacro -Cambados- para esixirlle á conselleira que se sente co alcalde e habilite prazas públicas para maiores no Salnés
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe á conselleira de Política Social de negarse a garantir prazas públicas para maiores no Salnés como escusa para subvencionar á residencia de DomusVi en Ribadumia. A responsable socialista visitou hoxe Cambados xunto co alcalde, o socialista Samuel Lago, logo de coñecer o peche do Pazo de Montesacro, que contaba coas únicas 70 prazas públicas de maiores da comarca.
A responsable socialista levará a próxima semana ao Parlamento unha iniciativa para reclamarlle á conselleira que manteña un encontro co alcalde, que leva máis dun ano reclamando unha xuntanza, e se comprometa a garantir prazas públicas para a localidade. Os socialistas levarán tamén emendas aos Orzamentos da Xunta para 2025 para que o goberno adquira o Pazo ou acepte os terreos que ofrece o Concello para construír unha nova residencia pública.
Castro advertiu que as 70 prazas que viña xestionando a congregación das Hermanitas dos Anciáns Desamparados no dito pazo están a ser reubicadas pola congregación por toda Galicia sen que poidan contar coa colaboración da Xunta, que “nin axuda co traslado nin ofrece prazas alternativas”. A responsable socialista desafiou aos representantes do PP a repetir no Parlamento o seu voto no Concello, onde pediron a continuidade da residencia.
O alcalde da localidade, o socialista Samuel Lago, acusou ao goberno galego de discriminar a Cambados, e por extensión aos 100.000 habitantes do Salnés, aos que lles está a furtar o dereito a contar con prazas públicas de residencia. Criticou que mentres isto sucede en Cambados, en poboacións como Ribeira, localidade natal da conselleira, acaban de licitar unha nova residencia por 11 millóns de euros malia que xa contan con dúas residencias privadas.
Criticou que a conselleira de Política Social leva máis dun ano fuxindo das solicitudes de reunión que lle ten enviado “por teléfono, correo e en persoa” para tratar esta situación. Afeoulle que hoxe mesmo teña previstos dous encontros cos alcaldes de Vedra e A Pastoriza, os dous do PP, que “dubido que leven máis dun ano agardando por unha cita coa conselleira”.
Os socialistas galegos visitaron hoxe o Pazo de Montesacro, que vén de pechar definitivamente as portas logo dos anuncios das súas xestoras, que tiñan o inmoble en venta dende setembro de 2023 e sen acoller novos residentes. Tanto Castro como Lago lembraron a escaseza de prazas públicas de maiores, que só supoñen o 23 por cento das 22.000 prazas que hai en Galicia, 4.800 dun total de 22.000.