O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe un Plan de Persoal que dea resposta ao déficit de prazas na sanidade pública actuando sobre as prazas MIR en Galicia. Así lello dixo hoxe ao presidente da Xunta na sesión de control que se celebrou no Parlamento e á que levou o deterioro da sanidade pública galega que sinalou o último barómetro sanitario do CIS.
O responsable socialista advertiu que “o funcionamento do sistema sanitario comeza a resentirse” logo de “anos de recortes, precariedade, e déficit na planificación” poñendo a proba a súa solidez. Presentou unha “ecuación simple” que explica os problemas da sanidade galega, e que supón que “menos persoal e máis precariedade significa máis listas de espera, máis derivacións á privada a desorganización do sistema”.
Fernández Leiceaga reclamou “máis compromiso, máis orzamento e recursos e vontade política decidida para cambiar a inercia do sistema sanitario público nos últimos anos” que levou á sanidade pública galega a ser a terceira peor valorada do Estado.
Apuntou que “o problema é a precariedade” que ascende ao 26 por cento e á que o conselleiro de Sanidade responde que “é o que hai, hai que traballar por horas e por días”. Sinalou que “non podemos condenar a 10 anos de traballos forzados aos que entran na sanidade pública con baixos salarios, precariedade e desprazamentos frecuentes sen saber o que vai ocorrer mañá”.
Explicou que “o problema non son os profesionais, que están ben valorados, o problema son as listas de agarda, que aumentan nas consultas de atención primara e “se disparan” en especializada, reflectindo “situacións ás veces dramáticas”. Apuntou a situación da Eoxi de Vigo, con 10.000 persoas en espera, e pacientes que dende que entran no sistema teñen que agardar 300 días de media ata que son intervidos.
Cuestionou as listas “oficiais” cando no Sergas, explicou, non inclúen ás esperas “non estruturais”, mentres por exemplo as esperas para unha intervención só comezan a computar dende que se realiza a chamada para facer a operación “e polo tanto trátase dun problema de cómputo”.
Situou neste contexto o caso publicado onte dunha persoa que eleva 4 anos agardando por unha intervención e que ao renunciar a ser derivado á privada está considerado fora das listas de espera.
Propostas
O portavoz socialista presentou tres propostas para combater esta situación. Ademais do Plan de Persoal, explicou, reclamou un catálogo de servizos sanitarios que aproxime a sanidade aos cidadáns fixando os servizos mínimos a prestar en cada centro hospitalario, incluídos os comarcais, e modificar a Lei de Garantías Sanitarias para reducir as derivacións excesivas á sanidade privada.
Leiceaga explicou que “non é preciso que a sanidade privada se converta nun recurso estrutural do sistema público”, e alertou do forte retroceso social á sanidade pública en áreas como Atención Primaria, consultas ou Especializada, nas que en só un ano hai un 5 por cento máis de galegos e galegas que prefiren a privada.