A portavoz de Cultura e Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, cualificou hoxe de “propaganda e nada máis que propaganda” o plan de excelencia para as Universidades galegas anunciado hoxe pola Xunta. Durante a comparecencia en Comisión do secretario xeral de Universidades, apuntou que “para acadar a excelencia o primeiro é investir diñeiro”.
Burgo considera “un milagre” que cos medios cos que conta a Universidade de Santiago se atope entre as 400 mellores do mundo segundo o ránking de Shangai, cando só nos Estados Unidos hai máis de 6.000 universidades. Apuntou que Berkeley está entre os 5 primeiros cun orzamento de 1.400 millóns de euros, e sinalou que de situala nos 235 cos que conta a USC, “non somentes baixa de ránking, é que desaparece”.
Lembrou que en lugar de reforzar o orzamento do Sistema Universitario de Galicia, o que fixo o goberno galego foi reducilo nun 10 por cento dende 2009, co que “non é certo que se recuperasen agora”. Puntualizou que os programas de Financiamento Universitario e Investigación Universitaria xuntos apenas suman agora 417 millóns de euros, un 5 por cento por debaixo de 2009.
A responsable socialista advertiu que “a excelencia comeza pola propia Consellería”, á que acusou de pechar as titulacións de Ciencias da Cultura e Lingua e Literatura do campus de Lugo, as dúas situadas no número 1 e 7, respectivamente, do ránking de España elaborado pola Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas.
Criticou que o goberno galego teña suprimido o 22 por cento das prazas de profesor a tempo completo entre 2010 e 2016, mentres o goberno galego pasou de negarse a facer públicos os datos de profesores xubilados nesta etapa a, agora, “dicir que non sabía cantos profesores se xubilaran nos últimos anos. Os profesores e profesoras con complementos de excelencia, dixo, son precisamente os máis castigados polas rebaixas salariais da Xunta.
Investigación
Concepción Burgo lembrou ademais que o Plan de Investigación do goberno galego, que se nutre principalmente do traballo das universidades, ten rematado en 2015, o que “non lles preocupa nin sequera en aras da excelencia”. Advertiu que por moito que inclúan ás universidades no RIS3, aquel é un plan de innovación e, dixo, “para que haxa innovación primeiro ten que haber investigación.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de deixar “baixo mínimos” os orzamentos para investigación, xa que dos 50 millóns de euros orzamentados en 2016, “antes de empezar xa retiraron 12,3 por modificacións de crédito –un 24,5 por cento-”. Ademais non puideron executar a totalidade dos 38 millóns que quedaron, e dende 2011 deixaron sen executar o 30 por cento de media cada ano.