José Manuel Lage chama á mobilización para que “o luns non nos atopemos cun pesadelo”, e equipara “o que está pasando en Ourense con Jácome, Cabezas e o PP” co que “xa pasou en Santiago” con Conde Roa
Bugallo apela ao voto “útil, sensato e centrado” para que “Santiago non sexa unha cidade de confrontación senón un punto de encontro e de traballo construtivo”
“A Santiago de Compostela o PSdeG sentoulle moi ben”, así comezou hoxe a súa intervención a ministra de Educación e portavoz do PSOE, Pilar Alegría, xunto co candidato socialista, Xosé Sánchez Bugallo, e o coordinador da campaña do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas. Alegría pediu o apoio para “que as cidades sigan avanzando e progresando co PSdeG” fronte a “volver a fórmulas que miran ao pasado e ao retroceso co PP”.
A portavoz do PSOE pechou na capital galega a súa xornada electoral en Galicia, logo de acompañar ás candidatas á reelección en A Coruña e Lugo, Inés Rey e Lara Méndez. Alegría defendeu a “aposta por seguir construíndo cidades máis modernas, accesibles e habitables” cunha campaña centrada en facer balance “do que temos feito e do que queremos seguir facendo” fronte á “campaña perdedora” do PP.
Lamentou que “dende o pasado domingo non sabemos moito máis do PP”, que vai rematar a campaña electoral tamén e Galicia “sen que escoitáramos unha sola proposta do que queren facer nos próximos anos”. Criticou que “máis alá do ruído e de enlamar non temos escoitado ningunha alternativa solvente” dun PP que debera terse presentado ás eleccións municipais e autonómicas trasladando algunha prioridade.
O secretario de Organización e coordinador da campaña do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, abundou no argumento cando criticou que o PP siga “a falar de cousas que non lle importan a ninguén” e que demostraron que “non teñen nin propostas, que agochan aos seus candidatos”. Fixo un chamado aos votantes progresistas a apoiar ao “único proxecto que se preocupa realmente dos cidadáns”, que é o PSdeG.
Jácome, Cabezas e Conde Roa
Lage Tuñas comparou a situación de Ourense, “con Jácome, Cabezas e o PP” co que pasou en Compostela con Conde Roa, que cos seus desmáns provocou un carrusel de 3 alcaldes diferentes en só 4 anos. Dixo que o PP xa demostrou que cando goberna “ocúpase de todo menos dos problemas dos cidadáns” e chamou á mobilización para que o luns “non nos atopemos cun pesadelo e un arrepentimento”.
O responsable socialista defendeu as “propostas sensatas, progresistas, de cidades onde medra a economía, onde nos ocupamos da axuda aos maiores e dos coidados das familias”. Destacou a “solvencia, experiencia e as propostas de presente e de futuro” de José Sánchez Bugallo, que “protagonizou tódolos momentos relevantes desta cidade nos últimos 25 anos”.
Advertiu que da outra beira “vemos a uns que xa estiveron, que viñan inventar a roda pero que tiveron á cidade parada, e por outro lado vemos a un PP que representa inestabilidade”.
Bugallo
O candidato socialista á reelección, Xosé Sánchez Bugallo, apelou aos votantes de Compostela, sinalando tamén “aos que votaron ao PP hai 4 anos”, para pedirlles explicitamente o apoio. Sinalou que na campaña “quedou claro que hai un só voto razoable, que é ao PSdeG e á candidatura que me honro representar” fronte ao “aspirante do PP, que cada día está máis lonxe de conseguir os seus obxectivos”.
Chamou así ao “voto útil, o voto sensato, o voto centrado, para que Santiago non sexa unha cidade de confrontación, senón un punto de encontro e de traballar de forma construtiva e sensata en beneficio da cidade”. Sánchez Bugallo cualificou como “moi interesante” a campaña electoral, a pouco máis de 48 horas do seu remate, xa que permitiu que cada opción “foi definindo ben as posicións”.