A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle ao goberno galego que axude a incorporar a perspectiva de xénero na administración de Xustiza a través do labor do IMELGA, que é xestionado pola Consellería de Vicepresidencia. Vilán lamentou o veto do PP a unha proposición non de Lei presentada polos socialistas na sesión de onte do Pleno do Parlamento e que foi votada hoxe.
Esta iniciativa está dirixida, explicou, a prever fronte a resultados como o do xuízo da Manada en Pamplona, exemplo, dixo, de sentenza “sen perspectiva de xénero”. Confrontou esta sentenza, centrada nuns feitos probados semellantes, pero que fai unha interpretación xurídica radicalmente oposta á sentenza coñecida a semana pasada dunha agresión semellante a unha rapaza en Madrid.
As dúas describen nos feitos a existencia de intimidación, mais a de “La Manada de Pamplona” non apreciou agresión sexual, mentres que a violación contra a rapaza, de 18 anos e con discapacidade intelectual, apuntou á existencia de “intimidación ambiental”, e saldouse con 15 anos de cárcere para a chamada “Manada de Villalba”. A diferenza é que unha delas foi ditada por 3 xuízas con perspectiva de xénero e a outra non, e ademais cun voto particular “vomitivo” que “confirma que o machismo aniña en todo lugar”.
Vilán centrou a súa proposta no reforzamento dos equipos do Instituto de Medicina Legal –Imelga- para que poidan emitir os seus informes da forma máis inmediata posible e incorporen a experiencia da Psicoloxía Forense Experimental. Entre outras cousas recomenda atender especialmente á primeira testemuña, quitando validez nestes casos a posibles contradicións posteriores para prever contaminacións socioambientais na vítima.
Ademais reclama o uso dunha “linguaxe que non considere ás mulleres meros obxectos”, a atención ás recomendacións da Comisión da Modernización da Linguaxe Xurídica a favor dunha redacción clara, igualitaria, non sexista, respectuosa e eficaz, de acordo coa Comisión de Modernización da Linguaxe Xurídica. Tamén reclama a aplicación do Estatuto da Vítima –Lei 4/2015- e do Convenio de Istambul, en vigor dende 2014.