O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou hoxe do perfil “androcéntrico” da sanidade pública e reivindicou unha atención específica da muller na sanidade pública galega. O responsable socialista advertiu, no debate dunha pregunta oral ao conselleiro de Sanidade, que “diferencia non pode ser desigualdade nin desatención ás mulleres”.
Os socialistas galegos reivindicaron o Plan de Atención Integral á Saúde da Muller de Galicia, posto en marcha polo goberno presidido por Emilio Pérez Touriño en 2007 dirixido a atender ás especificidades de xénero e concibido para “entender a súa realidade”. Lembrou que o PP opúxose daquela á aprobación do Plan de Touriño e despois o paralizaron porque “non estaban de acordo entón e agora non o executan”.
Torrado criticou o “trato deficiente ás diferenzas de xénero” por parte do PP, cando rexeitaron garantir unha atención específica ás doentes de fibromialxia, no seu 80 por cento mulleres, ou endometriose. Ademais, sinalou que o 10 por cento das intrerrupcións voluntarias do embarazo no segundo trimestre de xestación teñen que realizarse na sanidade concertada fóra de Galicia polas “trabas voluntarias e obcecadas” do Sergas.
Ademais, reclamou unha “maior visión de xénero na sanidade”, e contrastou a elevada presenza de mulleres entre as estudantes -74 por cento- e as profesionais -70 por cento-, sen que esta proporción se teña replicado nas xerencias dos hospitais de Galicia.