O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu hoxe da perda de peso relativo dos orzamentos da Consellería de Educación, que pasa de supor o 21,41 por cento en 2020 a o 20,14 por cento do goberno en 2021. Así o dixo na comparecencia do conselleiro para explicar as contas do seu departamento para o próximo ano, que segundo o portavoz socialista fracasan ao “non dar resposta aos retos dun futuro incerto”.
O responsable socialista alertou de que as suba das contías agocha unha caída relativa nos orzamentos deste departamento, que se vén beneficiados dos máis de 1.100 millóns de euros que lles traslada o Estado “a maiores das transferencias ordinarias” e derivados da crise da covid-19. Sinalou que precisamente o incremento prodúcese “grazas aos fondos de reconstrución que o PP boicoteou en Europa e aos Orzamentos do Estado que non apoian”.
Explicou que mentres o Orzamento total do goberno galego para 2021 medra un 13,32 por cento, e os gastos en alta dirección da Comunidade Autónoma medran un 1,26 por cento, os orzamentos de Educación apenas aumentan un 6,62 por cento, reducindo o seu peso relativo no conxunto do goberno galego un 1,27 por cento.
Criticou a “ausencia de acordos de país” impulsados polo goberno galego, que impón uns orzamentos que demostran a “falla de diálogo do PP para a elaboración e aprobación dos orzamentos na situación de pandemia que estamos a atravesar”. Sinalou que precisamente as contas “non dan resposta aos retos que debe afrontar neste momento o sistema educativo galego, tanto non universitario como universitario e tamén o mundo cultural”.
Álvarez resumiu que, en materia educativa, o goberno galego provoca unha “asimetría que non se corresponde nin co número de alumnos nin co número de centros” ao multiplicar as partidas para secundaria e FP mentres conxela as partidas para Infantil, Primaria e ESO. O plan de reparacións, ampliacións e melloras, dixo, “segue sen dotación suficiente” nunhas contas que demostran ademais “lamentable falla de compromiso coas ensinanzas de réxime especial e artísticas”.
O parlamentario socialista subliñou a conxelación das dotacións para formación de profesorado “cando máis necesario é apostar pola formación do profesorado para facer fronte ás novas necesidades de uso das plataformas educativas”. Tamén demostran que “non existe o máis mínimo compromiso cos concellos”, aos que dedican a mesma contía que en 2020, “deixándoos que afronten solos o gasto para tarefas de limpeza e desinfección”.
O goberno galego renuncia ademais en 2021 a iniciar os novos centros comprometidos aos que só orzamenta a redacción dos proxectos, como o caso dos CEIP de Pazos de Rei en Tui, Ames ou Arteixo, a ampliación do CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, ou o novo IES de Vigo. Ademais, alertou da pírrica suba do programa de prevención do abandono escolar, que non vai axudar nunha xestión “lamentable” no que executaron pouco máis da metade nos anos anteriores.
Luis Álvarez esixiulle ao goberno galego un novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia, que no próximo ano rexistrará un incremento “irrisorio” do 1,82 por cento, moi lonxe do incremento xeral dos Orzmentos da Xunta de Galicia. Esta situación incide sinaladamente nas partidas para bolsas ao alumnado, que “de forma inaudita seguen conxeladas” mentres o Estado incorpora os maiores recursos para bolsas da historia, aumentando máis de 500 millóns de euros.
Criticou o “cinismo insoportable” do goberno galego, que en plena pandemia reduce o peso relativo para investigación universitaria, que perde un 0,03 por cento a pesares de que contan con 3 millóns de euros procedentes dos fondos Covid.
Lingua e cultura
O responsable socialista denunciou o “compromiso cero coa lingua” por parte do goberno galego, que maquilla un incremento de Normalización Lingüística derivado do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, que ten “data de caducidade” en 2022. Criticou que “mentres falan de prestixiar o galego só entenden á lingua como ferramenta de confrontación co goberno do Estado e coas formacións progresistas”.
Sinalou que as contas para 2021 “demostran a súa falla de vontade política de protexer e promocionar o noso idioma máis que con accións efémeras no tempo e ningunha de calado”, e chegan a facer á cidadanía responsable do éxito da súa acción política, por canto na Memoria dos Orzamentos aseguran que “dependerá da súa vontade e entusiasmo”.
Finalmente, sinalou que as partidas para Cultura “seguen a ser case a metade do que se destinaba en 2009”, e advertiu que “ese incremento tan cacarexado segue sen achegarse ao 1 por cento do total dos Orzamentos” que ten reclamado o Consello da Cultura Galega no seu Barómetro. Sinalou que “ou se dan algo de presa ou non chegarán nin á metade dos obxectivos propostos” para un dos sectores máis afectados pola crise da covid.
Explicou que as accións do goberno galego para o sector cultural “non son máis que pan para hoxe e fame para mañá” e que “nin afortalan os servizos culturais básicos nin a cultura de base” e limítanse a “un balón de osíxeno efémero, xa que pivotará arredor dun Xacobeo incerto e con data de caducidade”.