A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reafirmou hoxe a “aposta pola dignidade das pensións públicas” fronte aos recortes do goberno do PP. Así o dixo no debate dunha interpelación na que reclamou a revalorización destas prestacións acorde co IPC e o seu financiamento a través dos Orzamentos Xerais do Estado.
Acusou ao PP de considerar ás pensións “como un gasto e non como un dereito” a suprimir e adiantou que “a presión da rúa vai gañar a súa recuperación” fronte a unha xestión que desembocou no empobrecemento dos pensionistas. Estes reproducen a fenda de xénero e que ademais en Galicia se manteñen en contías “modestas” cunha media de 900 euros por pensión e o 60 por cento sitúase por debaixo dos 800 euros.
Rodríguez Rumbo sinalou a situación dos pensionistas galegos, que perciben 144 euros menos de media nas pensións contributivas, cando é a penúltima comunidade autónoma, só por diante de Estremadura. Advertiu que mentres no conxunto do Estado hai 1,92 cotizantes por cada pensionista, en Galicia hai 1,29 e a Xunta deixa sen gastar en cinco anos 539 millóns de euros dos programas de promoción de emprego.
Sinalou que estas partidas “terían mellorado as condicións de vida das familias deste país” e axudarían a contribuír para aumentar os ingresos para as pensións, mentres o goberno galego “pretende equilibrar o financiamento a través do recorte das pensións” mentres utilizan as cotizacóns sociais “para o pago de conceptos distintos das pensións e do resto das prestacións do sistema”.
Nivel de pensións
A parlamentaria socialista defendeu un modelo dirixido a garantir o nivel de pensións actuais, revalorizándoas acorde ao índice de inflación, e da racionalización do gasto, deixando de facer fronte a gastos que deben ser financiados a través dos Orzamentos xerais do Estado.
Rodríguez Rumbo sinalou que é posible incrementar os ingresos a través da redistribución impositiva, incrementando a presión fiscal sobre as maiores fortunas, e a creación de emprego de calidade que garanta maiores cotizacións e polo tanto maiores ingresos.