Puxo de relevo as máis de medio cento de propostas presentadas polo PSdeG na comisión especial sobre seguridade viaria do Parlamento e que van na liña das que se inclúen na nova lei de tráfico estatal
A deputada socialista Patricia Otero pediulle hoxe á Xunta que sexa “máis áxil” á hora de aprobar o novo plan de seguridade viaria de Galicia. A parlamentaria do PSdeG lembrou que o anterior tivo vixencia entre os anos 2016 e 2020 e, polo tanto, remarcou, “levamos todo o ano 2021 e o que vai de 2022, máis de 14 meses, sen un documento actualizado”. A maiores lamentou que a propia “inacción” do goberno galego obrigou a retrasar “un tema crucial e importantísimo” e que ten que entrar en vigor “canto antes”.
A esta situación, Patricia Otero sumoulle o feito de que Galicia “foi xa unha das comunidades autónomas que máis tardou en contar cun documento deste tipo”. De feito, a deputada socialista enfatizou que non contou cun plan destas características ata o ano 2006, cando o puxo en marcha o goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño.
Patricia Otero fixo esta reivindicación durante o debate do ditame da comisión especial de estudo sobre a seguridade viaria de Galicia, que esta mañá recibiu o visto e prace de todos os grupos no plano do Parlamento.
Tras lembrar que esa comisión foi constituída no ano 2013, Otero agradeceu o enorme traballo realizado por tantos compañeiros ao longo das últimas lexislaturas. Fixo unha especial mención ao exdeputado do PSdeG Raúl Fernández, que foi membro desta comisión de estudo e que “tamén sufriu na súa familia as consecuencias desastrosas dos accidentes de tráfico”.
En paralelo, Patricia Otero puxo en valor o traballo desenvolvido polo Grupo Socialista na comisión que elaborou este ditame, onde o PSdeG presentou máis de 50 propostas, “das que están recollidas moitas delas neste documento final”. Moitas desas iniciativas van na liña das que inclúe xa a nova lei de tráfico, que entrou onte en vigor. Trátase, afirmou, dunha nova normativa que “se adapta aos novos tempos, que mira cara o futuro e que aposta por mobilidade máis segura, máis eficiente e máis respectuosa con todas as persoas”.
Neste contexto, Otero defendeu que “as nosas propostas para este ditame tamén reflicten esa nova filosofía”. Por iso, a deputada socialista fixo un chamamento a todas as administración con competencias en materia de seguridade viaria para que teñan en conta este ditame e que apliquen as súas recomendacións.
Canto as iniciativas presentadas polo PSdeG, Patricia Otero puxo de relevo cuestións como a coordinación entre a diferentes administracións públicas para avanzar na redución da sinistralidade. Tamén avogou por seguir desenvolvendo actividades que fomenten condutas responsables nas vías de comunicación. Neste senso, subliñou que “é fundamental que dende idades temperás, xa na propia escola, se dean nocións sobre seguridade viaria”.
Patricia Otero tamén demandou que haxa campañas de concienciación nos medios de comunicación públicos e que se incida na necesidade de “empregar todos os elementos para protexer as nosas vidas en caso de accidente”. Así, lembrou que, tal e como de desvelou na única comparecencia desta lexislatura na comisión especial de estudo, “aínda son moitos os cidadáns que non empregan os cintos de seguridade”.
A maiores, alertou sobre a relevancia que segue a ter o factor humano á hora de que se produzan accidentes. Como exemplo neste eido, apostou por un incremento das sancións polo uso do móbil mentres se conduce, tal e como xa inclúe e lei que entrou onte en vigor.
Ademais, Patricia Otero lembrou outras propostas, como que todas as administracións públicas adopten medidas para mellorar a seguridade das infraestruturas viarias. Ao fío disto, remarcou a necesidade de traballar para eliminar “no prazo máis breve posible” os tramos de alta concentración de accidentes, priorizando actuacións e dotándoas de orzamentos.
Tamén chamou a atención sobre a activación de campañas de concienciación e de formación para minimizar os sinistros con vehículos agrarios e seguir traballando para paliar os riscos da presenza de animais nas estradas.
A deputada socialista tamén fixo especial fincapé en que se artellen mecanismos para darlle “máis visibilidade e voz ás vítimas de accidentes e ás súas familias” co obxectivo de que “se coñezan e recoñezan os seus dereitos”. En paralelo, defendeu que se revisen e melloren os protocolos de atención e apoio, tanto no momento do accidente como despois. Neste aspecto, Patricia Otero lamentou que a Xunta non fóra quen de coordinar una mesa de traballo interinstitucional para mellorar eses protocolos.
Finalmente, Patricia Otero expresou a súa confianza en que as propostas da comisión de seguridade viaria sexan tidas en conta polas diferentes administracións. “É o traballo de moitos compañeiras e compañeiros”, salientou, “e esperemos que este traballo non caia en saco roto”.