A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, sinalou hoxe que a rebaixa das peaxes da AP-9 chegará no primeiro semestre do ano grazas ao compromiso do goberno de España. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para avaliar o encontro do presidente da Xunta co ministro de Transportes o pasado 10 de marzo.
A responsable socialista lembrou que naquel encontro “se trataron entre outros asuntos as bonificacións nas peaxes da AP-9, a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, a saída sur de Vigo e o AVE”, e remataba co agradecemento do presidente da Xunta ao compromiso orzamentario do Executivo para acometer as rebaixas das peaxes.
Otero replicoulle ás críticas da conselleira de Infraestruturas lembrando que “quen votou en contra de bonificar as peaxes da AP-9 foi o PP”, logo da oposición deste partido aos orzamentos xerais do Estado que precisamente incorporaban 63 millóns de euros con esta finalidade, e subliñou que “os feitos están aí, reflectidos e orzamentados”.
Ademais, sinalou que “o único bloqueo á transferencia da AP-9 foi o de Ana Pastor dende a Mesa do Parlamento”, antes de lembrar que “dende que chegou o goberno socialista desbloqueamos o debate, que xa se tramitou en dúas ocasións” no Lexislativo.
Chamou ademais á coordinación do goberno galego coa administración xeral para conseguir que “a Galicia cheguen o maior número de fondos procedentes da UE” e reclamoulle ao Executivo autonómico que “traballen e presenten os mellores proxectos para que Galicia saia máis beneficiada” da inminente chegada de fondos comunitarios.