Traslada a necesidade de avogar por un “xusto equilibrio” entre enerxías renovables e sector pesqueiro, xa que este último é “fundamental” para a economía galega
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, mantivo hoxe unha xuntanza con colectivos asinantes do ‘Manifesto de Burela en defensa do sector pesqueiro do Cantábrico Noroeste’, entre os que se atopaba o seu voceiro, así como representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga).
Trala xuntanza na que abordaron a posición do sector pesqueiro en relación á instalación de parques eólicos, a dirixente socialista trasladou a necesidade de avogar por un “xusto equilibrio” entre enerxías renovables e o sector pesqueiro.
“Non nos opoñemos á eólica mariña, pero cremos que se debe dar un xusto equilibro entre a instalación de enerxías renovables e o sector pesqueiro, fundamental para a economía galega”, sentenciou.
Neste sentido, Otero incidiu na importancia de “garantir” que os posibles parques eólicos mariños “preserven e respecten o ecosistema mariño”, ao tempo que “non causen dano ás actividades pesqueiras e, polo tanto, non prexudiquen o medio de vida de moitas familias”.