A secretaria de Transportes e Mobilidade Sostible do PSdeG lamenta que os populares traten de “enganar e crear falsas alarmas” mentres os servizos que dependen da Xunta “levan anos sen dar resposta ás necesidades de mobilidade dos galegos e das galegas”
“O Partido Popular da provincia de Lugo, unha vez máis mentindo, enganando e creando falsas alarmas”. A secretaria de Transportes e Mobilidade Sostible do PSdeG, Patricia Otero, advertiu con esas palabras da estrataxia do PP para agochar as eivas do plan de transporte público da Xunta tratando de desviar a atención sobre un servizo que “leva anos sen funcionar, sen dar resposta ás necesidades de mobilidade dos galegos e das galegas”.
A tamén deputada socialista no Congreso explicou: “O que é verdade é que a renovación do mapa concesional estatal permitirá ter autobuses que cheguen no menor tempo ao punto de destino, e tamén permitirá que os prezos dos billetes baixen”. Por iso, lamentou que a Xunta, cando o ministerio lle está a ofrecer a posibilidade de participar na reformulación do mapa concesional do transporte de viaxeiros por estrada, “non quere, e ademais renuncia aos cartos que o Goberno lle concede para mellorar os servizos de proximidade”.
O transporte interurbano, que é competencia da Administración autonómica, e que é “o que máis lles interesa aos veciños e veciñas”, debe facilitar ás persoas que residen nos concellos máis rurais acceder “nun tempo axeitado” ás cidades e cabeceiras comarcais, sinalou Otero. “Por exemplo, na nosa provincia, que os veciños e veciñas de Cervantes poidan chegar á capital, a Lugo, cuns horarios que lles permitan acudir ao hospital ou facer compras”, dixo.
“O que lle pedimos á Xunta de Galicia é que se sente co Goberno do Estado para aproveitar eses cartos para mellorar os servizos de proximidade, que, como vemos, non están a funcionar”, demandou a secretaria socialista de Transportes.