A deputada socialista alerta de que estamos ante “un problema estrutural e non puntual”, con queixas que “eran e son habituais” e que ademais se agudizou por mor da pandemia
A deputada socialista Patricia Otero reprobou hoxe a negativa do PP a esixirlle á Xunta a que tome medidas para frear “o desmantelamento” e corrixir “a situación caótica” na que está inmerso dende hai anos o centro de saúde de Viveiro.
Con este obxectivo, a parlamentaria do PSdeG defendeu esta tarde unha proposición non de lei na que se instaba ao goberno galego a tomar as medidas necesarias para acabar co deterioro constante que está a afectar á calidade da atención sanitaria no municipio. “O caso chegou ata un punto tan caótico que durante varios días este centro de saúde chegou a contar só cun único médico para atender a case 16.000 veciños e veciñas”, denunciou Otero.
Entre outros problemas, as eivas materiais e humanas están obrigando a aprazar moitísimas citas, co agravante de que ademais se avisa aos usuarios cando xa están no centro de saúde. Para máis, a situación provoca que se estean derivando pacientes en pleno proceso de valoración dende o PAC de Viveiro ás urxencias de Burela. Deste xeito, “colapsamos o PAC e tamén as urxencias do hospital da Mariña”.
Ademais, a deputada mariñá evidenciou que os usuarios están tardando máis de dúas semanas para conseguir citas médicas -algo que “é inviable e indignante nestes tempos”- e lamentou que lograr que che collan o teléfono supón “unha odisea”. Ao mesmo tempo, advertiu que este problemático escenario non só afecta a Viveiro, senón que se repite, “por desgraza”, na práctica totalidade dos concellos da Mariña.
Con todo, o Partido Popular votou en contra desta iniciativa coa que se pretendía que a Xunta dotase de medios materiais e humanos “necesarios e suficientes” para que o centro de saúde recuperase a capacidade asistencial que ten asignada. Tamén se solicitaba que se retomasen os servizos que foron suprimidos ou minguados “tras 12 anos de recortes na sanidade pública por parte do goberno popular na Xunta”. “Pedimos algo de pura xustiza: que se pase do que se contempla no papel á realidade”, enfatizou a parlamentaria do PSdeG.
Na súa intervención, Patricia Otero evidenciou que -aínda que a saturación e o colapso que se agudizou pola sanitaria da covid- a situación que se está a vivir neste concello “non é nada novo” e as queixas dos usuarios e usuarias “eran e son habituais”. De feito, explicou que o propio Concello de Viveiro solicitou unha reunión coa xerencia da Área Sanitaria para tratar o tema, pero “aínda non houbo resposta”.
Neste contexto, lembrou que tanto pacientes como profesionais veñen padecendo e denunciando dende hai anos un continuo desmantelamento dos servizos de Atención Primaria. Estas eivas, “como sucede tantos outros da provincia de Lugo e do resto de Galicia”, son o exemplo “do ataque do goberno galego cara á Atención Primaria.
Así, recordou que “son numerosos os exemplos da falla de médicos deste centro de saúde, que demostran que estamos ante un problema estrutural e non puntual”. “Esta é”, remarcou, “a política do señor Feijóo na atención primaria: non cubrir baixas, nin vacacións, nin excedencias, nin xubilacións”. Nesta liña recoñeceu a dificultade de cubrir esas baixas cando “en Galicia temos as peores condicións laborais de España e, por mor disto, os profesionais que formamos aquí deciden marchar para outros lugares”.
Neste escenario, Patricia Otero lembrou que o propio Concello de Viveiro, así como os profesionais sanitarios e os usuarios deste centro de saúde, levan anos denunciando a falta de medios humanos e materiais e pedindo que se cubran estas baixas. En definitiva, “que se poñan os medios suficientes para ter unha atención primaria de calidade”.
“Meréceno os usuarios e usuarias do centro de saúde”, proclamou Otero, “pero tamén uns profesionais que deben ter unhas condicións dignas e que en moitos momentos teñen que atender unha media diaria de 90 a 100 pacientes”. Ao mesmo tempo subliñou que esta situación tan complicada está a saír adiante “grazas á súa boa vontade e profesionalidade”.