Acusa ao goberno galego de “mentir e manipular” e reclámalle que exerza a súa obriga de inspección e control para sancionar os “reiterados incumprimentos” dos contratos
A deputada socialista Patricia Otero esixiulle hoxe á Xunta que “reconsidere e reformule” o Plan de Transportes de Galicia ante as numerosas eivas que presenta e as constantes queixas dos usuarios e usuarias. A elaboración e deseño dese Plan, recordou, custou máis de 12 millóns de euros, pero “non resolve as necesidades da cidadanía e o que recolle no papel non se corresponde coa realidade”.
Ademais, ante os reiterados “incumprimentos” dos contratos por parte das empresas concesionarias, a parlamentaria do PSdeG tamén urxiu ao goberno galego a exercer as súa tarefas de inspección e control e, de ser o caso, sancionar ou resolver as adxudicacións que se estean a vulnerar. “Esa é a súa obriga como conselleira”, lembroulle Patricia Otero a Ethel Vázquez na súa comparecencia no Pleno do Parlamento. Na mesma liña, aconselloulle á Xunta e ao PP que se centren en resolver os problemas que hai en Galicia no canto de estar “nerviosos e preocupados pola misión que teñen de derrocar ao seu xefe de filas, o señor Casado”.
Como exemplo paradigmático deses incumprimentos, Patricia Otero fixo mención á situación que se está a vivir na liña entre Ferrol e A Coruña. Neste caso, o prego esixía 66 expedicións mínimas en días laborais e incluía un 10 por cento de incremento a maiores, o que permitiría ter un total de 73. Porén, nos horarios da empresa adxudicataria constan tan só un total de 60 expedicións entre ambas cidades. E isto despois do anuncio feito pola Xunta de que ía reforzar o servizo con 11 expedicións máis.
“Nin sequera con ese anuncio de 11 máis”, denunciou, “se está a cumprir o mínimo que se contempla no prego”, o que supón a constatación de que a Xunta intenta “enganar e manipular” aos usuarios e aos alcaldes dos municipios afectados. Ademais, advertiu que “cando a Xunta non fai o seu traballo, é normal que as empresas presenten melloras voluntarias moi avultadas”.
Por iso, a voceira de Infraestruturas e Transportes do Grupo Socialista sinalou que “se vostedes fixeran a labor de inspeccionar e sancionar ou resolver os contratos, de ser o caso, o plan de trasporte sería moito mellor”. Incidiu en que así “sería útil para os usuarios, para os traballadores que non vén cumpridos os seus dereitos laborais e, ao mesmo tempo, non deixarían fóra de xogo ás pequenas empresa que quedaron fóra da licitación”.
Ao mesmo tempo, lamentou que a Xunta “siga sen recoñecer as eivas e problemas do transporte público de Galicia” e de “banalizar as queixas da cidadanía”, o que impide que se poidan adoptar solucións e avanzar na mellora do transporte por estada na Comunidade. Eses problemas “estanse a dar nas catro provincias” e, polo tanto, “algo hai que facer”.
Tras denunciar que a Xunta vive “nunha realidade paralela”, Patricia Otero enumerou as numerosas eivas que se están a detectar neste Plan de Transportes de Galicia. “Non o di o Partido Socialista”, enfatizou, “senón os propios usuarios e usuarias do transporte público de Galicia, que levan meses reclamando melloras e expresando as súas queixas”.
Ao fío disto, a deputada socialista subliñou que se cumpriron os peores presaxios, porque os viaxeiros din que non funciona e moitos traballadores tiveron que levar aos xulgados o proceso de subrogación. A maiores, moitas pequenas empresas do sector quedaron fóra do proceso “por unha decisión da Consellería”.
Por outra banda, Patricia Otero acusou á conselleira de mentir ao acusar á oposición de non ser construtiva durante o proceso para o deseño do Plan. De feito, lembrou que se recolleron as demandas dos usuarios e se fixeron propostas, pero “sempre fixeron caso omiso”. “Dixémoslle que había que melloralo porque, se non, íase dar a posibilidade de que a Xunta fose discrecional á hora de adxudicar os contratos, e así foi”, indicou.
En paralelo, Patricia Otero tamén lamentou a falta de diálogo da Xunta cos concellos. Como exemplo desta situación, a deputada socialista lamentou que só se lles dese dous ou tres días de prazo para presentar alegacións e que, moitas veces, ese prazo fose en pleno período de vacacións. “Ese é o seu diálogo cos concellos”, concluíu.