Lamenta a negativa do PP a apoiar unha proposición non de lei na que se lle reclamaba á Xunta unha solución rápida ás numerosas eivas entre as comarca de Ferrolterra, Eume e A Coruña
A deputada socialista Patricia Otero volveu reclamarlle hoxe á Xunta unha solución rápida ante o mal funcionamento do transporte interurbano de viaxeiros por estrada nas vilas e pobos que hai entre as comarcas de Ferrolterra, Eume e A Coruña. Fíxoo a través dunha proposición non de lei na Comisión 2ª do Parlamento, onde, unha vez máis, evidenciou os numerosos problemas que existen no servizo e que están a afectar a un gran número de usuarios e usuarias, de maneira específica na comarca do Eume.
Entre esas eivas -denunciadas en reiteradas ocasión polos afectados e propio Concello de Pontedeume- Patricia Otero enumerou a supresión de liñas e paradas, a eliminación de servizos sen previo aviso, a falta de prazas ou o incumprimento constante dos horarios cos conseguintes atrasos. “Estamos a falar”, incidiu Otero, “dun problema real e moi importante, que ademais se estende ao conxunto das provincias galegas, e polo tanto é o momento de que a Xunta escoite as reiteradas demandas que se lle fan”.
Porén, malia a gravidade do problema, o PP votou en contra desta iniciativa, bloqueando así a posibilidade de que se adopten solucións para paliar as consecuencias negativas “que tamén están a afectar a viaxeiros menores de idade”. “Vostedes volven abandonar á veciñanza afectada por estes problemas, lamentou a parlamentaria do PSdeG.
Neste contexto, a deputada socialista criticou que a Xunta e o PP sigan sen recoñecer os problemas e eivas existentes, co cal “mal se van atopar solucións para amañalos”. Así, mentres seguen a producirse denuncias, a única resposta da Xunta é anunciar melloras dos servizos que logo non se cumpren. Como exemplo, Patricia Otero lembrou que a Xunta anunciou a recuperación do bus das 6.30 da mañá entre Ferrol e os hospitais da A Coruña, “e non foi certo”.
Por iso, a parlamentaria do PSdeG volveu solicitarlle ao goberno galego que “reconsidere e reformule” un Plan de Transportes de Galicia que “non resolve as necesidades da cidadanía”. E iso, advertiu, malia os 12 millóns de euros que se pagaron para a súa elaboración e deseño.
Ao mesmo tempo, Patricia Otero advertiu que seguen sen cumprirse os pregos de contratación e que, con todo, a Xunta “non fai nada para que se cumpra o que ten asinado”. “Non se fan”, denunciou, “ nin as mínimas labores de inspección e control, a Xunta mira para outro lado e os incumprimentos maniféstanse día tras día”.
Mostra deses incumprimentos, Patricia Otero referiu que na liña entre Ferrol e A Coruña nin sequera se está a facer o número de expedicións mínimas que se contempla no prego. Deberían ser 66 como mínimo e incluíase a posibilidade dun 10% de incremento a maiores, ata un total de 73. Porén, nos horarios da empresa adxudicataria constan tan só un total de 60 expedicións entre ambas cidades. E isto, enfatizou Patricia Otero, “despois do anuncio feito pola Xunta de que ía reforzar o servizo con 11 expedicións máis”.
Ademais, na auditoría realizada pola Consellería e remitida recentemente ao Concello de Pontedeume recollíase a proposta de reforzar servizos e frecuencias nun 11 por cento dando prioridade ás horas puntas da mañá, de mediodía e da tarde para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral e estudantil. Pero “lonxe desta mellora, e sen avisar”, a Xunta de Galicia, procedeu á supresión de varias liñas deste servizo na semana do 10 de xaneiro.
Por outra banda, Patricia Otero tamén lembrou que non se cumpriron as cláusulas de subrogación de traballadores, coas conseguintes denuncias nos xulgados nin se activou a comisión de seguimento, tal e como veñen reclamando os sindicatos.
Por iso, insistiu na necesidade de que se reformulen os pregos para adecualos ás necesidades de usuarios e usuarias. “Como mínimo esixa que se cumpra o que está marcado nos pregos”, finalizou.