28 de marzo de 2023. A voceira de pesca do grupo socialista, Patricia Otero, denunciou hoxe na comisión 8ª de Pesca e Marisqueo que a Xunta está a incumprir o acordo parlamentario que lles obriga a establecer liñas de axudas directas ao sector da pesca de cerco galego, ante a parada biolóxica da pesca do xurelo.
O acordo que se aprobou a iniciativa do grupo socialista recollía demandas para o goberno central e para o autonómico. Otero insistiu en que o Ministerio de Pesca cumpriu e estableceu un acordo cos afectados para crear ese paro biolóxico afectado e liñas de axuda directas para que subsista durante este tempo onde non poden realizar a súa actividade, incluíndo ademais á pesca de artes menores.
A maiores, a Deputación da Coruña, sen competencias neste ámbito, aprobou unha liña de axudas de case 700.000 euros para os 56 barcos afectados na súa provincia,co obxectivo de pagar os gastos á seguridade social durante o paro e evitar despidos. A institución gobernada polos socialistas “observaron as necesidades e actuaron”, alegou Otero.
Patricia Otero criticou ao director xeral de Pesca que a súa consellería só se limitara a “actuar como meros comentaristas da acción do goberno central sen aportar axuda algunha ao sector”. Polo que esixiu que cambien a súa actitude a unha “máis proactiva” para apoiar o mantemento do sector do cerco.
Ante a constante derivación de responsabilidades do director xeral e da conselleira do Mar cara o goberno central, Otero recordoulle que “non estamos a falar de Madrid, senón de Malpica, Portosín, Sada e Camariñas“, polo que a Xunta ten que ser responsable e aplicar axudas para a supervivencia dun sector do que dependen milleiros de familias no territorio.