A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, cualificou hoxe de “inaceptable” o grao de execución dos orzamentos da Consellería do Mar, sinaladamente cando o sector se enfronta á súa peor crise polo veto á pesca de fondo nos caladoiros europeos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento na que acusou á Consellería de “botar balóns fora” diante das súas propias eivas.
Otero explicou que, de acordo coa conta xeral da Xunta, feita pública a semana pasada, a Consellería tan só executou o 16,1 por cento do orzamento correspondente aos programas de Pesca, co que dun total de 128 millóns de euros dispoñibles tan só investiron 21,8 por cento, deixando sen executar un total de 96,2 millóns de euros.
Subliñou que “non se pode consentir” un nivel tan baixo de execución, que ademais se vén repetindo ano tras ano dende a chegada do PP á Xunta, en 2009, e que afecta a un sector “fundamental” como é o pesqueiro. Lembrou que no ano 2021 só executaron o 41,2 por cento do crédito inicialmente dispoñible, no ano 2019 apenas o 50,9 e en 2018 o 47,8 por cento.
Criticou que “ano tras ano deixan moitísimos cartos sen executar que poderían servir de axuda e de pulo a un sector que afronta grandes dificultades”, e sinalou que “en vez de traballar a prol de axudar gastan os folgos en criticar con mentiras por exemplo o proxecto de Lei de Pesca Sostible, chegando a dicir que prevalecerían os criterios medioambientais sobre os socioeconómicos”.
Fondos Femp
A responsable socialista alertou do risco desta baixa execución cando o próximo ano vai rematar do prazo para a execución dos Fondos Femp “e vemos como os cartos están sen executar”, co que se perderán sen que o goberno galego “faga nada”.
Apuntou a un problema “estrutural” da Consellería no que “teñen que traballar”, xa que “nin sequera foron capaces de mellorar a execución dos fondos Femp cando crearon hai ano e medio unha subdirección xeral” precisamente para centrala na execución destes fondos comunitarios.