Apunta que o goberno galego reparte cada ano máis de 800 millóns de euros de forma discrecional
A portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu que os Orzamentos da Xunta para 2025 perpetúan o abuso da contratación “a dedo” no goberno galego. Así o dixo na comparecencia da secretaria xeral de Presidencia no Parlamento para presentar as contas do departamento para o próximo ano.
A responsable socialista sinalou que a contratación menor do goberno galego representa máis de 800 millóns de euros ao ano, que representan o 40 por cento de toda a contratación do goberno galego que é distribuída de forma discrecional. Reclamoulle á Xunta que atenda ás recomendacións do Consello de Contas e mellore a transparencia dos contratos menores, tomando medidas para evitar abusos de posibles fraccionamentos do contrato.
Esixiu a mellora no sistema “obsoleto” de transparencia da administración autonómica, para que o portal da Xunta permita ver en tempo real tódolos contratos menores que están a adxudicar a diario por parte das máis de 70 entidades do goberno galego. Chamou a acordar o fortalecemento das institucións públicas e “pular por unha política máis transparente, máis limpa, honesta e propositiva”.
Máis autogoberno
A parlamentaria socialista reclamou “máis autogoberno” cando é unha petición social maioritaria na realidade galega, mentres o goberno galego non fixo “nada por desenvolver o noso autogoberno”, que non obtivo ningunha nova competencia a través da Comisión Mixta de Transferencias. Pediu que a Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais teña “un papel moito máis activo no desenvolvemento do autogoberno galego, máis alá da intervención nos conflitos constitucionais.
Iglesias cuestionou ademais os cambios na estrutura administrativa do goberno galego, que vén de ampliar a discrecionalidade nos nomeamentos na estrutura territorial, abrindo a porta á politización das xefaturas territoriais das consellerías, que poderán ser ocupadas por “calquera persoa, aínda que non sexa funcionaria pública”. Advertiu que a nova Oficina Económica de Galicia carecerá de funcións executivas, senón “máis ben de coordinación, estudo e análise”.