A cabeza de lista por A Coruña sinala que “cantos máis galegos coñecen a Besteiro, mellor é a súa valoración e liderado”, o cambio seguro que necesita Galicia
A cabeza de lista do PSdeG por A Coruña, Patricia Iglesias, dixo hoxe que as enquisas que se publican estes días constatan a “remontada sen reservas” do PSdeG liderado por José Ramón Gómez Besteiro. Sinalou que “cantos máis galegos coñecen a Besteiro, mellores son a súa valoración e liderado”, que cualifica de “audaz, valente e seguro”.
Engadiu que as cualidades do candidato socialista “son o trampolín que vai levar aos socialistas á Presidencia da Xunta”, e que demostran que é “o único partido capaz de liderar o cambio seguro en Galicia”.
Iglesias advertiu que “o PP non quere e o BNG quere, pero non pode, e o PSdeG quere e pode”.
A candidata socialista defendeu a opción do PSdeG, o único partido, dixo, que aúna “experiencia, equipo, solvencia e capacidade de influencia no goberno para traer o mellor para Galicia”, e concluíu sinalando que “a urnas cheas, cambio seguro”.