Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total de novos proxectos”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, responsabilizou hoxe ao goberno galego da cascada de paralizacións de proxectos de parques eólicos polo TSXG. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión para reclamarlle ao goberno galego un pacto polo sector eólico de Galicia que foi rexeitada polo PP, demostrando que “non apostan firmemente pola implantación ordenada da enerxía eólica”.
Iglesias advertiu que o empecinamento do goberno galego por vulnerar as áreas delimitadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e de ignorar os informes sobre hábitats prioritarios e de interese comunitario provocou a paralización de máis de 20 parques eólicos.
Advertiu que a “inexistente” política eólica do goberno galego “só nos leva a incrementar o rexeitamento da cidadanía, dos concellos afectados, das asociacións ecoloxistas e das propias organizacións agrarias, e incluso do propio sector eólico” nas localizacións escollidas para a construción de parques. Insistiu en que “é preciso acordar e manter o equilibro territorial e medioambiental para transformar e crear industrias sostibles”.
Iglesias advertiu que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada en Galicia como optar por unha prohibición total de novos desenvolvementos de enerxía eólica”. En suma, reclamoulle á Xunta que asuma como prioridade a implantación de enerxía eólica de forma ordenada e con seguridade xurídica.
Reclamou unha “nova estratexia para a enerxía eólica” que compatibilice o desenvolvemento dos parques co seu encaixe social e un impacto medioambiental asumible en base ao pacto polo sector eólico proposto polos socialistas galegos. Dixo que os parques deben ser instalados cun axeitado consenso coa veciñanza, respectando a integración medioambiental, garantindo sinerxías coa creación de emprego e valor engadido e garantindo a axeitada fiscalidade.
Iglesias explicou que, diante do rexeitamento por parte do PP a esta iniciativa, os socialistas galegos levarán á próxima sesión plenaria esta mesma proposta, que cualificou de “útil e realista”, para avanzar no debate sobre o desenvolvemento do sector eólico á próxima sesión plenaria para avanzar no debate.
Advertiu que o sector precisa dunha nova normativa, que “non se vai resolver coa sociedade público – privada Recursos de Galicia”, que semella concibida para sortear a Lei de Funcionamento da Administración xeral de Galicia -Lofaxga- no que se coñece como “fuxida do dereito administrativo”.