Urxe profesionais médicos especialistas en Pediatría para cubrir as prazas que quedaron descubertas en Camariñas, Zas e Vimianzo por baixas médicas e vacacións
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe ao goberno galego que garanta “unha atención pediátrica digna e de calidade” aos nenos e nenas de Soneira. Iglesias mantivo un encontro cos pais e nais da Terra de Soneira afectados pola falla de pediatras en Camariñas, Zas e Vimianzo, aos que lles presentou as iniciativas parlamentarias que levará ao Parlamento para reclamarlle á Xunta unha resposta urxente a esta situación.
A responsable socialista urxe ao goberno galego que resolva antes do verán a cobertura das prazas desatendidas. Alertou neste sentido que a pediatra de Zas, que atende aos centros de saúde de Baio e de Zas en días alternos, xubilarase cando rematen as vacacións que está a desfrutar neste momento e que non están a ser cubertas.
Advertiu que malia que o Sergas deu indicacións para que os nenos e nenas se despracen que desprazarse a Camariñas pola mañá e a Vimianzo pola tarde, neste momento o puericultor de Camariñas foi trasladado a Vimianzo logo de que a pediatra daquel centro collera unha baixa de longa duración, polo que este Centro de Saúde atende ao servizo de Pediatría de toda a comarca.
Ademais, o Centro de Saúde de Camariñas leva anos coa praza de Pediatría sen cubrir, e este servizo, que se prestaba tamén tres días á semana en Camariñas e dous días no centro da Ponte do Porto, era exercido por un médico de Familia que posúe un curso de puericultura, “pero non é pediatra”.
Afeoulle ao goberno galego que teña posto enriba da mesa todo un “galimatías” de atención sanitaria para os nenos e nenas, que se resume en que “os pais e nais teñan que desprazarse quilómetros de ida e de volta para levar aos fillos e fillas ao médico”. Unha situación que lonxe de mellorar, agravarase nos meses de verán, onde a poboación de Camariñas, Zas e Vimianzo crece exponencialmente pola chegada de turistas, o que derivará na saturación do centro de Vimianzo.