Responsabiliza ao goberno galego do bloqueo das renovables e urxe a aprobar un novo Plan sectorial eólico que renove o actual, vixente dende 1997
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, propuxo no Parlamento un Pacto polas renovables e a industria que permita desbloquear o despregue do sector, paralizado pola inseguridade xurídica e a nefasta xestión do goberno galego. Iglesias presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Industria para reactivar o sector e facer á cidadanía galega partícipe dos beneficios das renovables pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista sinalou ao goberno como responsable directo da situación das renovables, con 49 parques paralizados pola xustiza por non respectar os espazos medios protexidos e cinguirse a unha normativa desfasada dende que desmontaron concurso eólico aprobado polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño.
Reclamou un novo Plan Eólico para todo o territorio galego, logo de lembrar que o actual está vixente dende o ano 1997, e actualizar a normativa vixente, xa que a Lei do Sector Enerxético de Galicia remóntase ao ano 2009 e se atopa totalmente “desfasada respecto das novas esixencias medioambientais europeas”.
Advertiu que o proxecto de Lei de Recursos Naturais de Galicia omite calquera mención á planificación e ordenación da enerxía eólica en Galicia, e mesmo abren a porta a autorizar parques eólicos fora do plan de 1997, co cal empeoran a situación. Ademais, advirte que volven amosar “compromiso cero” cos criterios de sostenibilidade ambiental e co sector industrial, ao deixar sen resolver o problema de inseguridade xurídica que eles mesmos provocaron.
Patricia Iglesias sinalou que os socialistas galegos “apostamos pola ambición renovable e por un despregue ordenado e planificado, que teña en conta aos axentes sociais e aos axentes do territorio”. Na proposta que presentou hoxe incluíu aprobar a normativa precisa e incluír medidas compensatorias para beneficiar aos concellos e ás comunidades afectadas polo desenvolvemento eólico.
Criticou que mentres o PP “non asume a súa responsabilidade de goberno para coller o touro polos cornos”, o BNG “sopra e sorbe á vez sen saber cal é o modelo que se propón” e se amosan “incapaces de aportar unha proposta de enerxías renovables realista e viable” mentres se “acomodan na oposición e na negación”.