Reclama unha sanidade pública “en igualdade de condicións para as crianzas da comarca de Soneira”
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias esixiulle á Xunta que garanta atención pediátrica en “igualdade de condicións” para a poboación da comarca de Soneira. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade para reclamarlle ao Sergas que cubra de forma urxente a praza de Zas e Camariñas e que substitúa a baixa de Vimianzo “antes de que comece a tempada de verán”.
Iglesias levou ao Parlamento a demanda unánime da cidadanía da Costa da Morte, que está a reclamar “a atención sanitaria que merecen e á que teñen dereito” os nenos e nenas da comarca de Soneira logo de anos cun servizo de Pediatría deficitario. Subliñou que “de vez en cando deberan saír dos despachos e acudir ao terreo para practicar a empatía de proximidade e escoitar á veciñanza”.
Explicou que o Concello de Camariñas leva “anos” sen que se cubra o servizo de Pediatría, cunha praza que a día de hoxe segue sen cubrirse, e era prestado tres días á semana no Centro de Saúde de Camariñas e dous días no da Ponte do Porto por un médico cun título de puericultura.
Ademais, a pediatra do Centro de Saúde de Zas, que se xubilará á volta das súas vacacións, prestaba servizos en días alternos en Baio e Zas. Lembrou que inicialmente os nenos e nenas do Concello de Zas tiñan que acudir a Camariñas pola mañá e a urxencias en Vimianzo pola tarde, pero este ltimo centro asumiu o servizo de toda a comarca logo de que o puericultor de Camariñas fora trasladado ata alí a comezos de mes para cubrir a baixa da pediatra.
Esta situación obriga aos pais e nais a desprazarse quilómetros de ida e volta para levar aos fillos e fillas ao médico, ao igual que teñen que facer os nenos e nenas de Zas e Baio, e todo isto, advertiu, antes do previsible incremento considerable de poboación pola chegada de turistas no verán.