Anuncia que o PSdeG estará “vixilante e fiscalizador” para garantir a execución da obra proxectada en 2005 polo goberno de Touriño e que o PP retirou dos Orzamentos da Xunta
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias esixiulle hoxe á Xunta que cumpra co seu compromiso para construír a variante da circunvalación de Carballo, que na súa primeira fase conectaría o polígono de Bértoa coa zona sur da vila. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Infraestruturas do Parlamento na que lle esixiu á Xunta que dea prazos para a construción da obra e que hoxe evitaron concretar.
Iglesias anunciou que os socialistas estarán “vixilantes” para fiscalizar o cumprimento do compromiso acadado hoxe polo goberno galego para un proxecto que está enriba da mesa dende 2005 e que fora incorporado ao Plan Director de Autoestradas polo presidente socialista Pérez Touriño, pero que o PP nunca cumpriu, e que fixo desaparecer dos Orzamentos dende o ano 2011 ata 2020.
Explicou que esta infraestrutura resulta “fundamental” para despregar a ampliación do Polígono Industrial de Carballo e que poida aproveitar a súa situación privilexiada, “a cabalo entre a área metropolitana da Coruña, a zona de Bergantiños, Costa da Morte e Santiago”. Ademais, resulta fundamental para garantir a seguridade viaria, reducindo o tráfico na AC-552 pola que cada día circulan familias.
Trasladou a desconfianza no compromiso do PP cunha infraestrutura que Carballo leva reivindicando dende hai máis de 20 anos, como lle lembraron á propia deputada os representantes dos empresarios do polígono cos que se reuniu a finais de maio. Advertiu que o seu suposto compromiso contradise co voto en contra no Parlamento dunha iniciativa parlamentaria pedindo esta mesma actuación a semana pasada.