Advirte que as familias necesitan deste profesor, co que contaban o ano pasado, nun centro cun 20 por cento do alumnado con necesidades específicas de apoio
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias esixiulle á Consellería de Educación que recupere a praza de mestre especialista en Audición e Linguaxe para o CPI Cabo da Area, de Laxe, da que dispuñan ata o ano pasado. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación na que criticou a “falla de autocrítica e cero de empatía” do goberno galego, que lles está a negar ás familias un apoio fundamental.
Iglesias levou ao Parlamento esta demanda das familias de Laxe, que “nos aseguran que a situación é insostible”, logo de que suprimiran a praza que si que tiñan ata o curso pasado, compartida con outros centros da comarca. Reclama que atendan ás familias deste centro, que xunto coas de Cee, Sardiñeiro, O Pindo, Muxía ou Laracha se teñen “posto en pé con gran dignidade” para “defender a educación pública e a atención á diversidade” fronte aos recortes do goberno galego.
Lembrou que a Xunta ten reducido este curso un total de 80 docentes de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que tiñan destino provisional, desatendendo ás necesidades de atención preferente en máis de 30 centros de toda Galicia. Criticou que o goberno galego responda “como un autómata” coas cifras do plan “Mega – Trola”, como o designou ironicamente, cando menos da metade das prazas adxudicadas corresponden a atención á diversidade.
Ademais, advertiu que este curso só teñen designado 69 prazas de profesores de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe en base ao dito Plan Mega, que depende de fondos do Estado, ademais de que o 27 por cento deles son a media xornada, co que “aforran o 13 por cento da masa salarial.
Esixiulle “empatía, sensibilidade e aposta por unha educación pública de calidade para todos e todas con independencia do lugar do noso país no que naceran, e con independencia dos recursos económicos dos seus pais”.