critica que o “ilusionismo fiscal” da Xunta provocou unha caída de ingresos de case 2.400 millóns entre o 2009 e o 2021 en tributos cedidos polo Estado
A portavoz de Economía e Facenda do PSdeG sinala que o Goberno galego deixa sen executar máis da metade dos fondos europeos mentras asfixia aos concellos
Cando se van cumprir cen días dende a toma de posesión do presidente da Xunta, a portavoz de Economía e Facenda do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Iglesias, denuncia a “irresponsabilidade” do Goberno galego en materia de facenda, “imitando cada vez máis o dumping fiscal” da presidenta de Madrid “á costa da calidade dos servizos públicos”. A deputada do PSdeG sinala que mentres a Xunta “baixa e elimina impostos para favorecer ás rendas e patrimonios máis altos”, os galegos e as galegas “teñen que ver como este verán se pechan centros de saúde e máis de 800 camas nos hospitais”.
Logo de 15 anos de gobernos do Partido Popular, Galicia está “á cola” das comunidades autónomas en termos de Estado de benestar, coas “peores ratios en servizos públicos esenciais” como a atención á pobreza, a axuda no fogar, as prazas en residencias ou a acollida a vítimas de violencia machista, subliña Iglesias.
Lembra tamén que durante os seis anos de goberno de Pedro Sánchez, Galicia recibiu do Estado 12.000 millóns de euros máis que nos seis anos de goberno de Rajoy. En contraste, o informe da Axencia Tributaria de Galicia do 2023 cifra en 258 millóns de euros as perdas debidas á política fiscal “feita a medida para as rendas altas”, un dato que levado ao período 2009-2021 reflicte unha caída de ingresos próxima aos 2.400 millóns de euros “polo ilusionismo fiscal” do PP respecto dos tributos cedidos polo Estado. Esa cantidade, precisa a parlamentaria socialista, serviría para construír catro hospitais coma o Álvaro Cunqueiro.
A deputada lamenta tamén que esa diminución dos recursos se produza nun momento no que os concellos galegos están cada vez máis afogados, sen que a Xunta faga “nada de nada”. “Non paga o mantemento e investimentos dos centros de saúde, nas escolas infantís, nos colexios e institutos, nas matrículas ‘gratuítas’ das garderías”, o cal cualifica de “burla intolerable”.
Fronte á “falta de empatía e falta de lealdade institucional”, propón que o Goberno galego aposte por unha “auténtica participación” dos municipios nos ingresos da comunidade autónoma. “É hora de enfrontar o reto da financiación xusta, equitativa e eficiente da Administración Local en Galicia”, asegura.
Patricia Iglesias recorda, por outra banda, que o Consello de Contas vén advertindo “ano tras ano” que a execución orzamentaria dos fondos europeos está por debaixo do 50 %. “Quedan sen executar 5,5 euros de cada 10 que se programan e chegan a pagarse só 3 de cada 10 que se orzamentan”, detalla.
Galicia medra menos pola “falta de pulo político” da Xunta do PP
Ao peche do 2023, o Goberno de España transferíralle á Xunta 1.545 millóns do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, aos que hai que engadir 3.150 millóns do Marco Financeiro Plurianual.
Respecto á participación dos pertes, Galicia ten presenza en oito, cun total de 54 proxectos, o que se traduce en máis de 400 millóns de euros en axudas e 74 empresas beneficiadas.
Ademais, a diferenza do que sostiña o PP cando gobernaba —aseguraba que era imposible actualizar as entregas a conta se non se aprobaban os Orzamentos Xerais do Estado—, o Consello de Ministros vén de aprobar o real decreto polo que Galicia recibirá este ano 9.395 millóns de euros en entregas a conta, “o maior importe da historia”, sinala Iglesias, pese a que os Presupostos están prorrogados.
“A economía medra menos en Galicia que no resto de España, pérdense empresas e o emprego crece menos. Galicia vive do impulso do conxunto do Estado, o que evidencia que non existe pulo político propio”, sostén a portavoz de Economía e Facenda.
Todo o anterior, asegura Patricia Iglesias, súmase á deixación de funcións dun conselleiro de Facenda que usa a maioría absoluta do PP para “invisibilizar o traballo do Consello de Contas e incumprir ano tras ano as súas recomendacións”.