Alerta de que ambas sociedades creadas como privadas, son en realidade sociedades públicas autonómicas pola aplicación da Lofaxga (artigo 102.2) e deben estar baixo o control material da Xunta de Galicia
Sinala que estas entidades deben transparentar a súa actividade e render contas ao Consello de Contas de Galicia, como xa alertou o órgano fiscalizador en dous informes
A portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, denunciou a “opacidade” da Xunta na constitución das sociedades Impulsa e Recursos de Galicia, coas que quere privatizar a xestión dos recursos naturais da Comunidade Autónoma. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía diante da “historia dun despropósito” que constitúen as dúas sociedades.
Iglesias advertiu que o goberno galego está obrigado a dar acceso ao expediente administrativo previo á creación da sociedade Recursos de Galicia, co que se saltou de forma “flagrante” o procedemento de constitución da mesma, que foi rematado antes mesmo de ter aprobado a Lei que o ampara, e que está agora mesmo en trámite parlamentario. Advertiu que o goberno galego ten comprometido un gasto na sociedade mínimo de 30 millóns de euros ata 2027.
A responsable socialista fixo un relatorio do rosario de irregularidades que supuxo o proceso de constitución destas sociedades, que comeza en 2021 coa creación de Impulsa Galicia, coa que o goberno galego deixa a xestión industrial de Galicia en mans de empresas privadas.
En setembro de 2023 foi constituída dentro desta a sociedade Recursos de Galicia, co mesmo domicilio social que Impulsa Galicia, na sede do Igape, nun proceso opaco na constitución das dúas sociedades. Se crean como privadas para fuxir do control público, pero o Consello de Contas xa advertiu en dous informes, que son públicas e deben transparentar o que fan e render contas ao órganos fiscalizador público.
Reclamoulle ao goberno galego que responda do proceso de constitución de RdG, que segundo ten ditaminado o Consello de Contas, debe ser unha entidade baixo o control público, pero do que se descoñece o capital subscrito e desembolsado polas empresas, ademais de que a selección de persoal amosa unha absoluta falta de transparencia.
Criticou que o secretario xeral de Industria evitara responder se as dúas sociedades van render contas e transparentar a súa actividade, unha obriga que reduciu a unha “interpretación xurídica”. Iglesias lembrou que foi o Consello de Contas o que concluíu que eran sociedades públicas, a pesares de crearse como privadas para eludir os controis, e así o fixou nas súas recomendacións.