Lamenta o voto do PP en contra de publicitar e ordenar os contratos menores no goberno galego
A portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, denunciou hoxe a “falla de compromiso evidente” da Xunta coa transparencia na contratación menor. Así o dixo logo de coñecer o voto en contra do PP en contra dunha iniciativa para limitar e ordenar a contratación menor, que teñen convertido nun “caos” de forma deliberada.
A responsable socialista denunciou a “opacidade” nos contratos menores por parte do goberno, que supoñen unha elevada porcentaxe do total de contratos, ata o punto de que “da medo”, e provocando “un galimatías na información contractual para fuxir dos controis mínimos. Criticou que a Xunta “adoece de falta de integridade, prexudica a igualdade de trato, concorrencia e eficiencia”.
Alertou dunha “fenda moi importante en relación ao cumprimento do principio de transparencia da información contractual do sector público autonómico galego”, o que “dificulta o exercicio de control parlamentario e da necesaria rendición de contas”. Advertiu que actualmente a forma de presentar a información na Plataforma de Contratos da Xunta non é homoxénea, e carece de campos específicos para contratos menores.
Así mesmo, o Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico non recolle a integridade dos datos sobre os contratos e o Portal de Transparencia non permite distinguir os correspondentes ás entidades instrumentais. Advirte que estes exemplos amosan que logo de 8 anos da aprobación da Lei de Transparencia, a normativa aínda ten “moito camiño de mellora para facilitar o control” e garantir a transparencia como “condición clave para evitar a corrupción na contratación”.
Iglesias presentou unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que reduza o uso de contratos menores, esixir unha planificación da actividade contractual, garantir unha mínima concorrencia e depurar as incorreccións detectadas na base de datos do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico.