O PP rexeita a iniciativa do PSdeG que instaba ao Executivo galego a “activar medidas urxentes para os afectados polo peche da empresa”
A portavoz de Industria do Grupo Socialsita, Patricia Iglesias, acusou hoxe ao goberno galego de “abandonar” aos traballadores afectados polo peche da Mina de Penouta, en Viana do Bolo, e de poñerse do lado da empresa. Iglesias defendeu hoxe en Comisión parlamentaria unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que active medidas urxentes e concretas que protexan o emprego e a saúde pública da veciñanza afectada pola mina de Penouta, que foi rexeitada polo PP.
Iglesias centrou a súa intervención na grave situación dos traballadores que agora quedan sen emprego debido ao concurso de acredores de Strategic Minerals Spain. subliñou que “os socialistas non podemos permitir que unha comarca como Viana do Bolo, xa castigada polo desemprego, quede agora sen alternativas laborais”, e esixiulle á Xunta que “asuma canto antes a súa responsabilidade”.
A Proposición non de Lei tamén denunciaba a falta de control e previsión do goberno galego respecto ás empresas que operan no sector mineiro en Galicia, en particular na mina de Penouta, que, explicou, “opera con altos niveis de metais pesados —arsénico, cadmio e mercurio—, afectando non só a contorna natural senón tamén a saúde da poboación”.
A deputada lembrou que os socialistas xa denunciaron reiteradamente as súas preocupacións sobre a contaminación no encoro que subministra auga potable á zona, “situación agravada agora polo fallo da administración autonómica en garantir un control ambiental rigoroso”.
A Proposición, rexeitada polos votos en contra do PP, solicitaba unha planificación adecuada e a creación de alternativas laborais sostibles, ademais dun control rigoroso das empresas mineiras. A deputada socialista insistiu en que “non podemos permitir que empresas sen solvencia técnica especulen cos nosos recursos mentres o goberno ignora os efectos irreparables no medio ambiente e na saúde da cidadanía”.
A iniciativa presentada hoxe tamén recollía a urxente necesidade de revisar a concesión dos permisos outorgados a minas sen garantir previamente o cumprimento das normas ambientais e sanitarias, “ co obxectivo de asegurar unha transición cara a un modelo mineiro sostible”. Patricia Iglesias denunciou que o goberno galego desatende as demandas da sociedade civil e os informes dos concellos afectados e opera con opacidade.
Este rexeitamento á proposta, “apoiada pola sociedade e concellos afectados”, representa, según sinalou, “unha nova mostra de inacción do Goberno galego, deixando sen respaldo nin futuro aos traballadores de Penouta e ao medio ambiente galego”.