A deputada do Grupo Socialista esixiulle ao Goberno galego que tome nota deste “novo tirón de orellas” e cumpra co seu deber de transparencia e rendición de contas porque, dixo, “Galicia non pode seguir sostendo estruturas opacas que non achegan resultados nin serven ao interese xeral”
“A Xunta agocha as contas de Impulsa e Recursos de Galicia mentres o Consello confirma o control público”, denunciou hoxe a deputada socialista Patricia Iglesias tras coñecerse o informe do Consello de Contas. A parlamentaria subliñou que o documento “confirma o que levamos máis dun ano denunciando desde o Grupo Parlamentario Socialista: que son sociedades fake, opacas e con claros indicios de control público que a Xunta se empeña en esconder”.
Iglesias sinalou que “a Xunta de Galicia, a través do Partido Popular, impulsou estas sociedades baixo a fórmula da colaboración público-privada, pero sen garantías, sen transparencia e sen resultados”. Engadiu que ambas entidades foron constituídas “como auténticos ‘chiringuitos’ sen control parlamentario, dos que aínda hoxe seguimos agardando recibir o expediente de constitución, a pesar de que xa presentamos ata nove peticións formais”.
A parlamentaria socialista lamentou que “o Goberno galego siga agochándose detrás da suposta natureza privada destas sociedades para non render contas, cando o propio Consello de Contas sinala a presenza de conselleiros nos órganos de administración e a existencia de indicios de control público”.
“A día de hoxe seguimos sen saber como se contrata o persoal destas sociedades, cal é o seu réxime de contratación externa, nin que criterios se seguen para a súa xestión. Mesmo compartiron sede social co IGAPE, o que evidencia a súa dependencia directa da Xunta”, denunciou.
Iglesias esixiulle ao Goberno galego “que tome nota deste novo tirón de orellas e cumpra co seu deber de transparencia e rendición de contas. Galicia non pode seguir sostendo estruturas opacas que non achegan resultados nin serven ao interese xeral”.