A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, advertiu hoxe que a Xunta non fixo “nada de nada” en materia de vivenda pública no que vai de Lexislatura. Pierres presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas do Parlamento para denunciar a “parálise” no parque público de vivenda do goberno galego.
A responsable socialista sinalou que a “nula” xestión da Xunta supuxo que entre 2011 e 2018 foran construídas tantas vivendas protexidas como en todo o ano 2007, mentres que nos últimos dous anos foron cualificadas 20 vivendas protexida, sumando as de promoción pública e privada. A situación é semellante en canto á rehabilitación protexida, con 274 proxectos entre 2017 e 2018, cando entre 2007 e 2008 houbera 12.800.
As comparativas, dixo, son “absolutamente demoledoras”, o que non lle impide ao presidente da Xunta “presumir” dun parque público de 3.500 vivendas, “coma se o mérito fora de onte ou de antes de onte”. Na mesma liña, dende a Consellería responsable anuncian que hai 121 proxectos de vivenda nova e 21 rehabilitacións, pero “moitas delas nin sequera están en fase de execución, e por iso non ofrecen data de finalización”.
Pierres denunciou que a Xunta “non ten intención algunha de cumprir co mandato parlamentario para duplicar o parque público de vivenda no horizonte de 2022”, senón que se limitan a ir “parcheando”.
A portavoz de Urbanismo apuntou que hoxe hai en Galicia máis de 13.000 inscritos no rexistro único de demandantes de vivenda, co que “no mellor dos casos, de que remataran este mesmo ano tódolos proxectos en marcha, só cubrirían o 1,57 por cento da demanda” rexistrada. Criticou que a Xunta teña escollido ademais concellos con “demanda nula” para construír estas vivendas, como é o caso de Cenlle ou Sober, cando hai 20 concellos con máis de 50 demandantes.