Pide ao Executivo galego que dea “un pulo” á modernización deste servizo “para poder estar á altura da época na que vivimos”
A voceira de Xustiza do PSdeG no Parlamento de Galicia, Paloma Castro, vén de urxir á Xunta a “poñerse as pilas” na dixitalización da documentaicón para a Asistencia Xurídica Gratuíta, toda vez que “no ano 2022 seguen traballando en papel” á hora de desenvolver os trámites. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Xustiza da Cámara galega, a través dunha pregunta oral ao director xeral.
“Non entendemos a necesidade de requirir en papel toda a documentación nin a razón que xustifica isto, xa que produce, ademais dun obstáculo para moita xente que precisa asistencia, un gran aumento de carga de traballo para as traballadoras e traballadores dos colexios, así como un gasto en papel excesivo”, lamentou a socialista.
Neste marco, Castro lembrou que “cada semana os colexios de avogados teñen que escanar toda a documentación para almacenala nun pen drive e, a maiores, asumir o custo de enviar toda a documentación á Delegación Provincial”. “Non é viable nin a nivel práctico nin ecolóxico nin tampouco a nivel de espazo”, subliñou a socialista, quen instou a realizar estas labores unicamente en formato dixital.
Con todo, a socialista lembrou que as usuarias e usuarios que poden acceder a este servizo son persoas en situación de vulnerabilidade e “con máis dificultades”, polo que é preciso facilitarlle os procedementos.
OS FONDOS NEXT GENERATION
“A xustiza ten moito que modernizarse”, reivindicou a responsable socialista, quen propuxo á Xunta que empregue os fondos europeos Next Generation para este fin cando ademais o Estado “está a traballar na mellora da eficiencia do servizo público de Xustiza mediante o impulso das tres leis de eficiencia” no marco do Plan de Modernización Justicia 2030.
“É necesario que muden o criterio e comecen a traballar a modo século XXI, dixitalizando os procesos e tamén facilitando o acceso das usuarias e usuarios ao dereito de asistencia xurídica gratuíta mediante a simplificación dos trámites ou da documentación requirida”, incidiu Castro, quen concluíu chamando a dar “un pulo” á modernización deste servizo “para poder estar á altura da época na que vivimos”.