A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe ao goberno galego que reaccione de forma urxente para mellorar a seguridade na estrada Po-225, que une Pontevedra con Vilagarcía, ao seu paso pola parroquia de Alba. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas celebrada hoxe no Parlamento logo dos reiterados accidentes de camións que quedan atrancados ao pasar pola antiga ponte ferroviaria.
Castro apunta que as medidas de control de altura instaladas no seu día polo goberno galego se teñen demostrado ineficaces, tal e como demostra a continua sucesión de camións atrancados baixo a ponte. Así sucedeu, lembra, en xullo de 2007, en 2009, en 20127, 2018, 2020 e, xa o último polo momento, no pasado mes de outubro, con accidentes que resultan en graves retencións de tráfico e mesmo con serios desperfectos na estrutura da ponte histórica.
Sinala que “salta á vista que os sistemas de aviso son insuficientes”, cando dun lado “faltan láminas sonoras” e en dirección Vilagarcía faltan pezas dende hai máis de 2 anos, que ademais “pasan desapercibidas e están demasiado preto da ponte, impedindo que os vehículos pesados poidan retroceder”. Reclamou un sistema de alerta máis efectivo, que avise aos condutores da altura da ponte, ademais da mellora do viario actual.
Variante Alba
Paloma Castro sinala que a reincidencia destes accidentes “evidencia xa dende hai anos a necesidade da variante de Alba”, un vieiro pensado para mellorar o actual e que enlace a estrada N-550 coa autonómica PO-531 que acumula 17 anos de retraso. Explicou que a estrada asume “moitísimo tráfico rodado que transcorre polo medio da parroquia e está a supor moitísimos agravios para a veciñanza”.
Neste sentido, reclamoulle á Xunta que “como administración responsable actúe na zona colocando ademais unha rotonda na conexión da estrada autonómica coa N-550 que facilite a conexión cara á variante e permita un cambio de sentido nesta estrada”. Castro presentou no Parlamento a demanda dos veciños, que reclaman ademais un paso de peóns que permita cruzar a estrada autonómica “con seguridade” e “non ter que atravesar a correr unha estrada perigosa”.