A portavoz de Función Pública do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de esixirlle á conselleira de Política Social que “deixe de facer oídos xordos” ás demandas do persoal do Consorcio Galego de Benestar, que vén de convocar unha folga logo de anos reclamando a mellora das súas condicións laborais. Castro presentou unha pregunta oral neste sentido na Comisión de Política Social celebrada hoxe.
Castro denunciou o “desleixo de funcións e obrigas” do goberno galego, e reclamou a mellora da estabilidade laboral das profesionais dun servizo que aglutina a 1.600 traballadoras, o 90 por cento deles mulleres e o 93 por cento en condicións de temporalidade. Defendeu os acordos da Mesa de Negociación cos sindicatos mási representativos e lle esixiu á Xunta que siga a liña da UE e do Estado para acadar a estabilidade laboral das traballadoras dentro do marco legal.
O Consorcio, explicou, abrangue a xestión dos centros de atención a maiores, o programa de comida a domicilio, a atención a maiores, dependentes e persoas en risco de exclusión e a rede de escolas infantís Galiña Azul. Sinalou a importancia da labor que estas traballadoras están a facer precisamente no contexto da pandemia do coronavirus e, sinalou, “no que non podemos permitirnos uns servizos mínimos” por canto afecta aos máis vulnerables.
Castro reclamoulle ao goberno galego “sentarse con elas” para atender a unha situación “que non teñen creado, senón que deriva dun mal funcionamento da administración durante anos” e que as obriga a “pagar os pratos rotos dun problema estrutural da administración”. Afeoulle a “forma de traballar pouco dilixente” por parte dun goberno que malia que conta coa competencia exclusiva no servizo, “nin intenta acadar unha solución” para estas mulleres que ven perigar o seu traballo.
A responsable socialista afeoulle á conselleira que teña amosado “desprezo cara o seu traballo”, deixando “abandonadas” a centos de traballadoras logo de “anos traballando cos colectivos máis vulnerables” da sociedade, e que seguen sen ter unha resposta dende o goberno galego.