Lembra que se trata dunha vella reivindicación da comunidade veterinaria e advirte de que os casos poden incrementarse pola chegada de mascotas procedentes de Ucraína, o país con máis contaxios de Europa
A deputada socialista Paloma Castro lamentou hoxe que o Partido Popular se negue a atender as reivindicacións da comunidade veterinaria para implantar como obrigatoria en Galicia a vacina antirrábica para animais domésticos, como cans, gatos e furóns. Castro defendeu hoxe esta medida a través dunha proposición non de lei recollendo as recomendacións de organizacións científicas internacionais e a OMS en canto á protección das mascotas e loita fronte á rabia, en base ao obxectivo 2030.
A parlamentaria do PSdeG considerou que o voto en contra do PP e a falta de medidas da Xunta “atende máis á cabezonería que ao sentido común” e defendeu que “unha política preventiva é moito máis eficaz”. Por iso, subliñou, “compartimos esta xusta reivindicación ante o risco que pode supoñer que esta enfermidade se faga endémica no noso territorio”. Castro tamén lamentou que o BNG se abstivese nesta votación.
Na súa intervención, Paloma Castro lembrou que esta enfermidade é unha das máis importantes que pode transmitirse ás persoas e que “os contaxios son extremadamente graves, porque a doenza é mortal”. Recordou que a crise da Covid “nos fixo decatarnos da importancia que ten a vacinación para reducir as consecuencias dos virus e para crear inmunidade de grupo, que impida a transmisión, a mutación e lle poña límite aos contaxios”.
No caso da rabia, subliñou que “o virus non anda tan lonxe, xa que está considerado como endémico no Norte de África e nos países do Leste de Europa”. Precisamente, ao fío disto, advertiu de que o éxodo de persoas procedentes de Ucraína, a consecuencia da invasión rusa, pode facer que se incremente notablemente a importación ilegal de cans ou cadelas de caza, ademais do elevado número de animais de compañía que, sen ningún tipo de control, poden chegar cos refuxiados.
De feito, incidiu, “non podemos ignorar que Ucraína supón en Europa o caso máis extremo de contaxios desta enfermidade, posto que entre 2018 e 2020 rexistráronse 2.616 casos de rabia en animais domésticos, salvaxes e incluso en humanos”. A consecuencia disto, a Comisión Europea pediu que se facilite a entrada de animais de compañía sen ánimo comercial, pero sempre cumprindo uns requisitos mínimos. Así, o protocolo de actuación elaborado polo Ministerio de Agricultura inclúe, precisamente, unha avaliación do risco de introdución do virus da rabia en España.
“Iso,”, puntualizou, “sen esquecer que o risco principal para o noso país segue a ser o norte de África”, como demostra o feito dun foco recente en Melilla, “o que fixo aumentar o nivel de risco para o resto do territorio español”. “Dende a Xunta son conscientes deste risco”, sinalou Castro, “que en Galicia é aínda maior porque, ao non ser a vacinación obrigatoria, so o 9 por cento das mascotas están vacinadas”. “Pero xa sabemos que para este goberno priman máis os intereses económicos que os da cidadanía”, lamentou.
Porén, fronte a esta situación, a Xunta so propuxo a recomendación de que sexan as clínicas veterinarias as que, de forma voluntaria, asuman a corentena das mascotas procedentes de Ucraína. Trátase “dunha actitude incomprensible”, tendo en conta que o goberno galego delega a responsabilidade e os custes nos veterinarios, o que “supón un abuso total cara estes profesionais”.
A maiores, lembrou que a Xunta estableceu un convenio con Tragsa para que dende esta empresa se proceda a testar e vacinar contra a rabia a todas os animais domésticos que cheguen de Ucraína. En consecuencia, é un “contrasentido que defendan que non é necesaria obrigatoriedade da vacinación pero, por outra banda, costeen a vacinación das mascotas que chegan de Ucraína”. “As mascotas galegas non se vacinan e as que veñen de fóra si, como se entende iso?”, preguntou Paloma Castro.