A viceportavoz do Grupo Socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe á Xunta que desbloquee o dragado do Lérez, pendente “tras máis dunha década de promesas” por parte do goberno galego. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Medio Ambiente na que lle reclamou ao goberno galego que cumpra cunha “débeda coa cidadanía pontevedresa que ten adquirido a categoría de histórica”.
Castro advertiu de que “o paso do tempo confírmanos que non existe nin o mínimo interese por parte deste goberno de levalo adiante”, logo de 3 campañas electorais consecutivas nas que o candidato do PP está a prometer un dragado que despois deixa sen executar. Explicou que o proxecto, que iniciaba a súa tramitación en 2011, a setembro de 2021 aínda segue encallado á espera de novas análises, novos estudos medioambientais e supostos cambios no proxecto.
A parlamentaria pontevedresa afeoulle ao goberno galego que “fagan un relato interesado, intentando manipular para agochar a súa incompetencia”. Aludiu así á última escusa do Executivo, que en abril chegou a manipular un informe do Ministerio de Transición Ecolóxica prohibindo o depósito de sedimentos de Carril na Illa de Sálvora para acusalo de frear a dragaxe do Lérez coa que non ten nada que ver.
Lembrou que dende o ano 2019 o mesmo Portos de Galicia anunciou a intención de trasladar os depósitos a un punto de vertido preto de Sálvora que desbotou polo rexeitamento do sector pesqueiro e marisqueiro. Mesmo en xaneiro de 2020 o Parlamento aprobou unha proposta socialista para que a Xunta buscara unha alternativa sostible para o depósito destes materiais, que un ano e 9 meses despois seguen sen cumprir.
Mentres tanto, sinalou, os sedimentos continúan a acumularse ata o punto de que practicamente é posible cruzar o río a pé en diversos puntos e coa marea baixa, e o propio clube naval ten 2 pantalán inutilizados por mor dos lodos. Acusou ao goberno galego de levar anos “permitindo o maltrato ao río con total impunidade”, facendo a vista gorda diante dos vertidos descontrolados demostrándose “alleos á realidade” e aplicando “negacionismo” á protección medioambiental.