A parlamentaria socialista Paloma Castro chamou hoxe ao PP e ao goberno galego a permitir a televisión gratuíta no Hospital de Montecelo, sinaladamente logo do incremento de ingresos provocados pola terceira onda da covid. Instou ao PP a reconsiderar a súa oposición á proposta socialista para ofrecerlles televisión gratuíta aos pacientes ingresados nos hospitais galegos, que foi debatida no pasado mes de decembro.
Castro lembrou a difícil situación dos pacientes galegos afectados polo coronavirus e ingresados no hospital de Pontevedra nesta terceira onda, obrigados a pasar 24 horas ao día illados nas súas habitacións sen ningún tipo de distracción, cunha posición “inamovible e incomprensible” por parte do goberno galego.
A responsable socialista reclamou un “trato digno por parte do Sergas” por unha cuestión de “humanidade e consideración” para uns enfermos que están a pasar a enfermidade sen manter contacto con ninguén. Sinalou a situación de doentes maiores que “non poden ver á familia e non teñen a ninguén que lles poida activar a televisión”.
Reclamou esta medida para aliviar a situación de “persoas enfermas que xa bastante teñen con levar a súa doenza, como para que nin sequera poidan ter acceso libre á televisión nun centro público” pola que lles obrigan a pagar.