Advirte que as partidas da Xunta son insuficientes e chegan tarde, xa que os concellos teñen que agardar ata setembro para saber se contan con axudas
A portavoz de Interior do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou hoxe o “compromiso político e económico” do goberno galego para garantir a contratación de socorristas nos espazos acuáticos. Castro presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao conselleiro de Presidencia que incremente as axudas aos concellos, adianten a convocatoria e melloren a oferta profesional de socorristas.
Advertiu que as partidas da Xunta para o servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos resultan absolutamente insuficientes, cun máximo de 40.000 euros por concello, cando O Grove, Valdoviño, A Coruña ou Vigo superan con creces os 200.000 euros anuais. Ademais, os pequenos concellos de interior, que tamén contan con espazos acuáticos, quedan fora destas axudas, co que en moitas ocasións directamente non poden contratar socorristas.
Ademais, criticou que o goberno galego obriga aos concellos a “buscarse a vida” sen saber se van ter subvención nin para cantos profesionais ata o mes de setembro. Explicou que a convocatoria de bases destas subvencións foi publicada o 31 de maio, o prazo para solicitudes remata o 1 de xullo e o goberno galego ten 3 meses para resolver a convocatoria, que se coñecerá ao remate da temporada de verán.
Castro reclamoulle ao goberno galego que tome medidas para mellorar a oferta laboral do servizo de socorristas, que neste momento é de só 3 meses ao ano cun salario escaso que dificulta o desprazamento a outros concellos e o alugueiro en concellos turísticos en tempada estival.
Emprazou ao conselleiro a “tomarse en serio” a situación destes profesionais fundamentais para garantir que Galicia sexa realmente un “destino seguro”, xa que advertiu que o 75,6 por cento dos afogamentos se producen en espazos sen vixilancia.