A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe á Xunta que restableza a dotación de tres médicos/as e enfermeiros/as, así como do Pediatra do Centro de Saúde de Monteporreiro, “imprescindibles para garantir as condicións sanitarias da veciñanza e evitar o colapso rexistrado nos peores picos da pandemia”. Castro presentou estas demandas a través dunha proposición non de Lei no Parlamento de Galicia que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista denunciou que o barrio “non existe no mapa para a Xunta de Galicia, que leva unha década dándolle as costas”. Actualmente o Centro de Saúde conta cunha dotación de 2 médicos, 2 enfermeiras, 2 administrativos e 1 auxiliar, que atenden á xestión administrativa dunha carteira de pacientes de 4.412 persoas, sumando aos de Pontesampaio.
Explica que logo da xubilación do terceiro médico, hai varios anos, que o Sergas deixou sen repoñer, os dous facultativos teñen que atender un cupo de 1.472 e 1.471 pacientes, respectivamente, o que “é excesivo e está por riba da media esixida a calquera profesional”. A situación chega a ser límite nos casos de baixa puntual, cando o médico que resta ten que atender á totalidade do cupo, facer as visitas domiciliarias e prestar servizo de garda no PAC de A Parda.
A maiores, o centro ficou sen pediatra dende a xubilación do profesional que tiña asignado, derivando aos nenos e nenas do barrio ao centro de saúde de Lérez, situado noutra parroquia, o que provocou unha intensa mobilización veciñal. Sen embargo, tres anos despois continúan sen pediatra en plena pandemia da covid.
Xerencia
Paloma Castro alerta de que a dirección da Eoxi de Pontevedra – Salnés “agrava notablemente este problema, e está a levar a esta área sanitaria a unha situación insostible”. Apunta que “os sindicatos xa están pechados a calquera negociación, os xefes de servizo non falan cunha xerente que conta con varias sentenzas en contra do TSXG pola destitución discrecional dos xefes de Pneumoloxía e de Cardioloxía”.
Apunta que “o malestar existente entre os profesionais sanitarios polo trato e as manobras desta xerencia é vox populi”, polo que apunta que “non sei a que espera este goberno para se tomar medidas e cambiar á xerencia da Eoxi de Pontevedra – Salnés, ao ser unha demanda entre a comunidade sanitaria e estar levando á área sanitaria a unha situación insostible”.