Advirte que o número de alumnos supera os rateos asinados por Educación e reclama atención axeitada
A parlamentaria socialista Paloma Castro presentou na Comisión de Educación que se celebrou hoxe no Parlamento unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que desdobre a aula de 4º e 5º de Infantil dos CEIP Xunqueira 1 e 2 de Pontevedra co apoio necesario aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais, pero que foi rexeitada polo PP. A responsable socialista advertiu que o número de alumnos da aula supera o rateo asinado pola Consellería de Educación cos sindicatos CC.OO., Anpe e UGT Ensino.
Castro reclamou que constitúan dúas aulas, cada unha delas cunha docente a tempo completo, repartindo equitativamente entre elas aos nenos e nenas con e sen necesidades educativas especiais. Actualmente o Xunqueira II ten unha sola aula de 5º de Infantil con 24 alumnos e alumnas. 3 deles están diagnosticados con trastorno de espectro autista con graos de discapacidade de ata o 88 por cento, e un cuarto que accede a terapia ocupacional e está pendente de valoración.
Por outra banda, o CEIP Xunqueira I ten 20 alumnos na súa aula de 4º de Infantil, 2 deles con necesidades educativas especiais, un deles cunha discapacidade recoñecida superior ao 33 por cento e outro do 65 por cento.
Advertiu que a situación resulta “claramente insostible” por canto resulta “imposible levar a cabo de xeito efectivo a atención personalizada e especializada que require este alumando”. Lamentou a resposta “absolutamente insensible, raquítica e, sobre todo, inútil” da consellería de Educación, que asignou un docente de apoio a media xornada entre as 09,00 e as 11,30 horas.
Explicou que a decisión de Educación de crear unha Aula de Educación Especial, cunha docente de Pedagoxía Terapéutica, vai en contra da educación inclusiva, xa que apartan aos nenos e nenas da aula ordinaria varias horas ao día, o que supón “segregar aos nenos e nenas neurodiverxentes ou con algunha discapacidade”. Sinala que con esta falta de asistencia ”obrigan a estes nenos e nenas a trasladarse a un centro de educación especial, prolongando desta forma a exclusión”.