A portavoz de Interior e Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para solicitarlle á Valedora do Pobo un informe que reflicta “a situación de posibles abusos a menores por parte da Igrexa católica en Galicia”. Castro lamenta a resposta do presidente da Xunta a estas denuncias, rexeitando a investigación a nivel nacional e relativizando o papel da Igrexa, e reclama a colaboración da Xunta na investigación.
A responsable socialista solicita que a Valedora do Pobo tome cartas no asunto en canto “constitúe o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades comprendidos no título I da Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia”. Reclama que este informe sexa elaborado “en colaboración con todos os colectivos e persoas implicadas”, e dispoñendo ademais da “total colaboración co Defensor del Pueblo”.
Castro sinala a necesidade de “contribuír á determinación dos feitos e responsabilidades, á reparación das vítimas e a planificación de políticas públicas orientadas á prevención destes abusos”.
A iniciativa tamén foi asinada polo portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, que lle reclama á Xunta que “facilite a investigación e prestar toda a colaboración posible para tal fin”, e demanda un protocolo específico para a comunidade educativa “con criterios orientadores e procedementos de actuación básicos, pero claros e completos” ante estes casos.
o Grupo Socialista demanda nesta proposta “promover a formación necesaria no seno da comunidade educativa dirixida á sensibilización e prevención, dotando aos docentes dos coñecementos e habilidades para realizar unha detección o máis temperá posible a actuar con rapidez e firmeza ante a existencia de calquera posible conduta de abuso sexual perpetrado sobre o alumnado”.
Resposta incomprensible
Paloma Castro critica a resposta do presidente da Xunta relativizando o papel da Igrexa nos abusos, que considera “dificilmente comprensible se consideramos que a Igrexa católica ten sido a principal institución educativa ao longo da historia”. Apunta que a Igrexa “xoga incluso na actualidade un papel moi importante no ámbito social e educativo, e pasando polas súas mans millóns de menores, sen parangón nin comparación posible con ningunha outra institución”.
Sinala que estes casos denunciados “constitúen graves vulneracións dos dereitos dos nenos e nenas vítimas, cometidas ao longo do tempo e con importantes repercusións e secuelas sobre a súa saúde e desenvolvemento, que condicionan a súa vida adulta”. Sinala que “o noso país non pode quedar atrás” no impulso de iniciativas e investigacións destes feitos, ao igual que teñen feito “moitos países da nosa contorna a través de comisións independentes ou gobernamentais”.