Denuncia “amiguismo” e “seguidismo” nos procesos selectivos da área sanitaria despois de que o TSXG “volvese a obrigar” ao Sergas a readmitir a un xefe de servizo cesado polo CHUP
A deputada pontevedresa Paloma Castro pediu hoxe a destitución da Xerencia da área sanitaria Pontevedra-Salnés, tras presentar no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para denunciar a “arbitrariedade e falla de transparencia” coa que actúa.
“Que máis ten que pasar para que o Sergas actúe e modifique á Dirección da área sanitaria?”, cuestionou Castro, tras denunciar o “amiguismo” e “seguidismo” que predomina nos procesos selectivos do Sergas despois de que o TSXG “volvese a obrigar” ao Servizo Galego de Saúde a readmitir a un xefe de servizo cesado polo CHUP.
Esta é a quinta vez que o alto tribunal galego ratifica sentenzas de instancia e declara nula unha destitución dun xefe de servizo do CHUP, subliñou Castro, o que é “unha clara mostra da arbitrariedade coa que actúa a Xerencia deste hospital”.
Neste caso, o TSXG, sinalou Castro, “ratifica unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra que declaraba nula esta destitución, xa que consideraba que o proceso de reavaliación ao que foi sometido este profesional en 2019 vulnerou o principios de publicidade que ten que rexer na contratación pública, ao non informar con antelación a este especialista sobre os criterios de avaliación”.
Así, o fallo desta resolución obriga ao Sergas a restituír a este médico no posto que ocupaba antes da avaliación, a xefatura do servizo de Cardioloxía, así como a abonarlle a retribución deixada de recibir durante estes anos.
Neste marco, o voceira socialista instou á Xunta a garanta os principios de igualdade, mérito, capacidade, transparencia e seguridade xurídica que deben rexer os procedementos de concorrencia competitiva que se celebren nesta área sanitaria.