A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que “inicie de inmediato as xestións oportunas” para frear o peche da sucursal de Abanca na parroquia de Campelo, no concello pontevedrés de Poio, programado para o próximo 8 de setembro.
A responsable socialista alerta de que este peche deixará á parroquia “sen o servizo bancario diario que presta unha entidade financeira”, afectando “moi negativamente na calidade de vida da poboación de máis idade, á que lle é imposible acceder ás novas utilidades tecnolóxicas coas que se pretende substituír o trato persoal cos empregados da sucursal”.
A reestruturación obrigará aos veciños e veciñas a desprazarse ata outra parroquia para realizar calquera xestión ou trámite bancario que precisen, ademais de afectar “sen dúbida á economía da zona, nomeadamente servizos, hostalaría e comercio”. O fenómeno da exclusión financeira derivado da reestruturación bancaria que está a afectar a numerosos concellos galegos, maioritariamente rurais, está a repercutir de maneira moi negativa no benestar da poboación.
Apunta que “o proceso acelerado de dixitalización no que están inmersas as entidades financeiras galegas, ignorando a fenda existente nese eido para moitos colectivos, especialmente xente maior e que habita en concellos rurais, amosa unha realidade complexa que esixe a inmediata intervención das administracións públicas”.
Lembra que a atención ás comarcas rurais e a loita contra o seu despoboamento “pasa polo mantemento e consolidación dos servizos básicos, e en maior medida en zonas nas que existe un problema demográfico”. Por iso, conclúe, “os poderes públicos non poden permanecer alleos a procesos que están a supor un cada vez maior esmorecemento do rural, en contra do manifestado en múltiples ocasións polo actual goberno galego”.
Intolerable
O tenente de alcalde do Concello, o socialista Gregorio Agís, considera “intolerable” que “unha entidade bancaria que foi pública, con importantes rendementos económicos, peche as oficinas sen ter en conta as consecuencias que ten para os seus clientes e a veciñanza”. Lembrou que “pecháronse xa a oficina de Raxó, a de San Xoán e agora pretenden pechar a de Campelo”, e sinalou que “non o podemos permitir e non terán enfronte ata que se mude está situación”.