Defendeu hoxe unha proposición non de lei na que solicitaba modificar o regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia para que “non se poña ao lobo a coidar do rabaño”
A deputada socialista Paloma Castro hoxe a modificar de forma urxente o regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia para evitar que os letrados condenados en firme por violencia machista poidan acceder ou manterse na quenda especial de violencia de xénero.
Fíxoo na Comisión de Xustiza do Parlamento a través dunha proposición non de Lei na que incidiu en que “isto é algo que, se aplicamos o sentido común, tería que caer de caixón”. Porén advertiu que “a realidade é que na práctica xa se deron varios supostos na nosa comunidade de vítimas de violencia que cando denunciaron e se lles asignou un avogado da quenda especial de violencia este tiña en vigor unha condena por violencia de xénero”. Con todo, o Partido Popular votou en contra desta proposta.
“Isto”, lamentou, “supón poñer ao lobo a coidar o rabaño, non se pode consentir e legalmente ten que existir un requisito que o impida”. Nesta liña, Castro remarcou que dende o Grupo Socialista “entendemos que as garantías existentes non chegan”. Subliñou que “os datos estatísticos dinos que o 80 por cento das mulleres asasinadas non tiñan denuncias previas, e polo tanto, dende a administración é necesario seguir incrementando estas garantías que ofrezan as mulleres vítimas unha maior seguridade e confianza no sistema xudicial”.
Ao mesmo tempo, a deputada socialista lembrou que xa no pasado mes de xuño se lle preguntou á Conselleira de Igualdade por esta cuestión, quen respondeu recoñecendo que era necesario complementar as medidas. “Pero nun absoluto descoñecemento do tema”, sinalou Castro, “engadiu que ese aspecto xa estaba regulado no estatuto da Avogacía española e que unha persoa condenada por delito non podía exercer como avogado”.
Trátase dunha “manifestación errónea”, coa que, ademais, a conselleira “botou balóns fora responsabilizando dos casos que se deran en Galicia aos colexios de avogados respectivos, que non controlaran o aspecto dos antecedentes”. “No que é xa habitual neste goberno, a culpa téñena outros”, lamentou Paloma Castro.
Con todo, a conselleira tamén afirmou que a Xunta estaba a traballar en solucionar este tema conxuntamente co Consello da Avogacía Galega, e que ese tema estaba na orde do día do Consello Estatal de Asistencia Xurídica Gratuíta do mes de Xullo. En definitiva, “un totum revolutum de explicacións e xustificacións que non serviron para nada”, xa que “once meses despois o goberno da Xunta non fixo nada e seguimos á espera o que demostra que non existe ningunha vontade por parte deste goberno para impoñer esta medida”.
Na sua intervención, Paloma Castro explicou que a Lei de protección integral contra a violencia de xénero recoñece a tódalas mulleres vítimas de violencia de xénero a asistencia xurídica inmediata e gratuíta en tódolos procedementos, tanto xudiciais como administrativos, que teñan relación coa situación de violencia, incluso para formular a denuncia. Así, a lei de asistencia xurídica gratuíta outorga este dereito as mulleres vítimas, independentemente da súa situación económica.
En Galicia ese dereito está desenvolvido no Regulamento de asistencia xurídica gratuíta que establece uns requisitos complementarios para garantir a asistencia xurídica e defensa. Ao mesmo tempo, tamén permite a posibilidade de que o Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais poidan regular o acceso a servizos de asistencia xurídica gratuíta.