Aféalle ao goberno galego que permita que a liña estea cuberta por un vehículo particular de 7 prazas sen rotular
A deputada do Grupo Socialista Paloma Castro esixiulle á Xunta que garanta un bus “digno e de calidade, nas mesmas condicións que o resto e Galicia” na liña 4 de Pontevedra a Cerponzóns. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas do Parlamento polas denuncias dos usuarios desta liña que é cuberta por un vehículo particular sen rotular de 7 prazas que non é accesible.
A parlamentaria pontevedresa criticou a falla de interese do goberno galego para vixiar que a concesionaria cumpra coas condicións do servizo para uns veciños e veciñas que levaban 25 anos reivindicando, xa que antes remataba na parroquia de Alba. Castro sinalou que os usuarios e usuarias levan máis dun mes presentando reclamacións polo servizo nun traxecto que agora chega ata Cerponzóns, incluíndo 3 paradas nos núcleos de Pidre, A Rons e Tilve.
Reclamoulle ao goberno galego a que tome medidas correctoras na prestación deste servizo diante do que é unha “clara discriminación dos veciños e veciñas desta parroquia”, que merecen o mesmo trato que o resto de Galicia.
Castro advertiu que esta situación está a provocar situacións “surrealistas”, con veciñas que non se atreven a acceder ao vehículo diante da desconfianza que provoca que non estea rotulado, ou unha muller con mobilidade reducida que tivo que ser elevada “a pulso”, e despois ocupaba varias prazas co seu dispositivo de apoio porque o vehículo non era accesible.