Lembra que os impostos que queren reverter aos concellos responden á Directiva comunitaria que castiga o modelo da Xunta de incineración e vertedoiro
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe á Xunta que retire a nova suba do canon de Sogama aos concellos, que queren aplicar dende 2025. Castro presentaralle unha pregunta ao goberno hoxe mesmo na que lle reclama ao goberno galego que deixe de “castigar” aos concellos e aos veciños que compren cos compromisos medioambientais.
A responsable socialista explicou que os impostos que terá que pagar o goberno galego, e que quere reverter aos concellos, derivan dunha Directiva comunitaria de 2018 que castiga á xestión que prioriza a incineración e o depósito en vertedoiro. Castro sinalou que o 60 por cento do que entra na planta de Cerceda é queimado, e o 21 por cento vai ao vertedoiro, nun modelo de xestión obsoleta e contraria aos requisitos comunitarios, que só recicla o 18 por cento dos residuos.
Reclamoulle que “deixen o negacionismo de facto nas políticas medioambientais, pasen do papel á acción e muden a forma de actuar para cumprir cos requisitos”, porque “os concellos non teñen a culpa nin teñen por que asumir os sobrecustes derivados da súa xestión”.
Esixiulle á Xunta que “non minta” con argumentos que “non son certos” porque ademais, lembrou, Sogama si que recibe beneficios pola venta de enerxía, que aumentaron un 81 por cento con respecto a 2022, ademais do que recibe por custes de explotación ou recuperación de materiais. O que si ten, dixo, son custes de transporte polo empecinamento da Xunta en centralizar a xestión na planta de Cerceda, en contra do fixado pola UE, e por subcontratas millonarias innecesarias.
Sinalou ademais que a operación da Xunta pasa por subir o canon e compensar aos concellos a cargo do Fondo de Compensación Local, detraendo recursos que deberan ir destinados a investimentos no territorio, co que “prexudica dobremente aos concellos”. Lamentou a súa “falla de vontade de colaborar cos concellos que compren cos deberes medioambientais”.
Sinalou que “necesitamos que o goberno galego colabore cos concellos para instalar dunha vez o contedor marrón -que tiña que estar implantado en decembro de 2023-, en lugar de incrementar un canon que desincentiva aos concellos e bota enriba deles o incremento dos custes.